Un home falece ao sufrir un accidente de tractor na Fonsagrada
Un home faleceu este mércores nun accidente de tractor ao quedar atrapado debaixo do vehículo nunha leira no termo municipal da Fonsagrada (Lugo). Segundo os datos facilitados polo 112 Galicia, o sinistro tivo lugar sobre as 12,25 horas no lugar de Serra, na parroquia de Freixo, nunha leira próxima á vivenda da vítima na Fonsagrada.
Foron mobilizados Protección Civil, Garda Civil e Bombeiros de Sarria, que procederon a excarcerar o corpo. Segundo indicaron, as tarefas foron “complicadas” para rescatar o cadáver debido á situación na que quedara o tractor.
O 061 enviou ao lugar, segundo indicou Urxencias Sanitarias, unha ambulancia asistencial e persoal sanitario do centro de saúde da Fonsagrada, que confirmou o falecemento no punto do home M.M.R., de 69 anos de idade.