publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Sol Vázquez destaca a importancia da praza de abastos de Celanova na dinamización económica da vila

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanova
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou esta mañá nunha visita á praza de abastos de Celanova a importancia na dinamización económica da vila deste recinto, que nos últimos anos está a ser obxecto dunha fonda transformación que lle está a permitir consolidarse como unha infraestrutura clave para o comercio da localidade.

Neste sentido, Vázquez Abeal, que estivo acompañada polo alcalde celanovés, José Luis Ferro, salientou que grazas á colaboración da Xunta e o Concello o mercado vén de ser seleccionado polo Ministerio de Economía e Competitividade para a elaboración dun estudo de viabilidade e técnico comercial de proposta de rehabilitación e modernización.

Esta actuación, que vai realizar a empresa pública Mercasa, suporá, tal e como salientou Vázquez Abeal, un novo impulso ao proceso de modernización que está a vivir o mercado celanovés, achegando as claves para continuar mellorando a praza da localidade ourensá e incrementando a súa rendibilidade.

A de Celanova é a única praza galega que vai participar neste programa, xunto con outros 9 mercados de toda España: o Mercado del Puerto de Mazarrón (Murcia); o Mercado Les Bòbiles de Martorell (Barcelona); o Mercado de Tafalla (Pamplona); o Mercado de San Cristóbal de La Laguna (Tenerife); o Mercado Central de Elda (Alicante);o Mercado de San Blas de Logroño; Mercado Zona G9 de Burgos; Mercado de Almuñécar (Granada) e o de San Lorenzo del Escorial.

A Xunta, que impulsa as prazas de abastos como pezas clave do comercio de proximidade, está a traballar no novo Plan de Mercados Excelentes que contará con medidas centradas en eidos como a mellora da imaxe e a atención ao cliente, os servizos e os equipamentos, así como iniciativas para reforzar o emprendemento.

6 de maio de 2016 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.