publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Sanmartín estuda co concello de Zas a futura transferencia das Torres do Allo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaZas
A-
A+

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, visitou o Concello de Zas para avaliar as liñas de colaboración existentes e, en especial, a delegación da xestión das Torres do Allo, aprobada no pasado pleno da corporación, primeiro paso de cara á futura transferencia da titularidade do ben.

Por vez primeira, o Concello de Zas xestionará a visita e difusión das Torres do Allo, un dos bens patrimoniais da Deputación da Coruña, a través dun convenio que contempla a atención a visitantes e a promoción dun dos monumentos de referencia na comarca. O futuro das Torres do Allo foi un dos temas principais da visita que a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, realizou ao Concello de Zas na que se reuniu co alcalde Manuel Muiño e diversos membros da corporación municipal.

“A delegación da xestión dos bens patrimoniais insírese na vontade de dar maior autonomía aos concellos “, sinalou na súa intervención Goretti Sanmartín quen aplaudiu que por vez primeira as Torres do Allo tiveran un programa de actividades e visitas para dar a coñecer o patrimonio.

O alcalde de Zas, Manuel Muiño, mostrouse receptivo á proposta de transferencia da titularidade do ben que ambas institucións estudarán conxuntamente mais, polo momento, valorou que a xestión de visitas e a promoción pasen a depender do propio concello. “”Queremos dar a coñecer as Tores do Allo, en primeiro lugar na propia comarca e preparamos un programa de visitas escolares xa que os rapaces e rapazas da contorna descoñecen o monumento”, sinalou Manuel Muiño que confía na posibilidade de promover as Torres do Allo como porta de entrada principal de visitantes que se dirixen á Costa da Morte. “A súa particular situación na estrada de maior afluencia á Costa da Morte dálle posibilidade de se converter nun escaparate da riqueza turística e patrimonial da ruta, desde Dombate a Camariñas ou Fisterra”, sinalou. O convenio de colaboración aprobado no pasado pleno da Deputación para a delegación da xestión das Torres do Allo está dotado con 33.000 € destinados á atención das visitas ao monumento e á programación para a súa difusión.

No encontro, analizáronse outras liñas de colaboración como as novas subvencións de concorrencia competitiva no ámbito de cultura que a responsábel da área, Goretti Sanmartín, presentou onte mesmo e das que destacou a destinada a Festivais, de especial interese para Zas. “O festival da Carballeira de Zas, con xa máis de trinta décadas de existencia é un referente e poderá concorrer á liña de axudas da Deputación que, dotada con 525.000 €, é a máis cuantiosa de todas as institucionais destinadas a festivais”, afirmou a responsábel de Cultura da Deputación.

A vicepresidenta da Deputación comentou tamén os diversos plans aos que se están a acoller os concellos como o PAS e o POS na liña de “apoiar aos pequenos e medianos concellos que é o noso obxectivo, co fin de vertebrar o territorio e responder ás necesidades das entidades municipais de menor poboación, que son as que máis o precisan”.

3 de maio de 2016 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.