publicidade hoxe

Román Rodríguez aposta por mellorar as accións sobre educación viaria nos centros educativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+
Román Rodríguez nas Xornadas Estatais de Educación Viaria na AGASP

Román Rodríguez nas Xornadas Estatais de Educación Viaria na AGASP

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avogou hoxe por “consolidar e mellorar as accións destinadas ao desenvolvemento da educación viaria no ámbito educativo” para que sirvan de ferramenta á hora de previr ou minorar a incidencia dos accidentes de tráfico. Así o trasladou con motivo do acto de apertura das undécimas Xornadas Estatais de Educación Viaria, que desenvolve a Vicepresidencia da Xunta na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, que estivo acompañado polo director xeral de Emerxencias, Luis Menor, explicou a necesidade de educar desde a escola sobre a importancia da seguridade viaria. De feito, na Lomce, a educación viaria é un ámbito diferenciado dentro da educación en valores.

Pola súa banda, Luis Menor destacou o inequívoco e absoluto compromiso permanente da Academia Galega de Seguridade Pública coa Educación e a seguridade viaria, e ao efecto destacou a colaboración coa consellería de Cultura e Educación en accións formativas, así como a organización de 10 cursos de formación continua na materia, dirixido a profesionais da policía local e garda civil, nos que participaron mas de 200 profesionais.

Neste sentido, Román Rodríguez lembrou algunhas das accións que o seu departamento está levando a cabo para formar a alumnado e profesorado no ámbito da educación viaria. Sen ir máis lonxe, este mesmo curso botou a andar, enmarcado no Plan Proxecta, un novo programa realizado en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, denominado “Mobilidade sostible e segura”, no que participan 28 centros de toda Galicia.

Unidades didácticas e portal específico

Ademais doutros convenios de colaboración coa Fundación Mapfre ou a Fundación RACC, a Consellería de Educación tamén ten a disposición da comunidade educativa diversos materiais didácticos para impulsar as boas prácticas viarias, entre os que destaca a unidade ‘O corazón está do teu lado’, en colaboración coa Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Así mesmo, tamén está a disposición da comunidade escolar un portal educativo específico sobre educación viaria con ferramentas útiles e innovadoras para o profesorado, así como diversos cursos de formación orientados aos docentes co fin de seguir afondando nesta materia e poder transmitir despois os coñecementos ao alumnado.

18 de maio de 2016 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.