publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Raquel Arias supervisa os traballos para dotar de abastecemento de auga potable a varios núcleos do Páramo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Páramo
A-
A+
Raquel Arias na visita aos veciños de núcleos ribeiregos do Páramo

Raquel Arias na visita aos veciños de núcleos ribeiregos do Páramo

A delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, xunto co alcalde do Páramo, Gumersindo Rodríguez, reuníronse esta mañá cos veciños de varios núcleos ribeiregos do municipio para supervisar o alcance das obras para dotar de abastecemento de auga potable á zona.

Unha actuación que corresponde á primeira fase do proxecto, desenvolvido pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a través de Augas de Galicia, e que supuxo dotar deste servizo aos lugares de Santa Mariña, Cendoi, Teiquesoi, Quintela, Gondrame e Outeiro (Vileiriz) mediante a construción de dous ramais de distribución en tubaxe de polietileno, que en total supoñen preto de 6.400 metros de lonxitude.

Arias salientou que “é vontade” da Xunta “garantir a subministración de auga, en calidade e cantidade, a toda a cidadanía” e, proba delo, é a actuación levada a cabo neste, “como noutros moitos concellos”, coas que se asegura o abastecemento para a poboación afectada e que, segundo avanzou, “terán continuidade”.

Puxo en valor ademais que a dotación deste servizo, “que reportará un gran beneficio aos veciños”, é froito da colaboración entre administracións, neste caso entre a autonómica e a local, que é, segundo dixo, “a mellor garantía de que os proxectos cheguen a bo porto”.

O concello do Páramo, constituído por unha zona principalmente rural e cunha poboación moi dispersa e diseminada nun total de 18 parroquias, non contaba ata o de agora cunha rede de distribución de auga propiamente dita. Unhas circunstancias que se agravaban na zona ribeirega, na que o abastecemento facíase principalmente a través de pozos particulares.

Nesta primeira fase de actuacións acometéronse dous ramais de distribución de abastecemento, correspondentes a Santa Mariña-Cendoi-Teiquesoi e a Quintela-Gondrame-Outeiro (Vileiriz).

A tubaxe empregada é de polietileno, 6.362 metros en total, distribuídos do seguinte xeito: Santa Mariña – Cendoi – Teiquisoi: 2.530 metros de tubaxe de 90 mm de tubaxe en polietileno; Quintela – Gondrame – Outeiro (Vileiriz): 3.832 metros de tubaxe de 90 mm de tubaxe en polietileno.

9 de maio de 2016 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.