publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os acusados de comercializar vieiras tóxicas negan a súa implicación

Europa Press

Os once acusados de comercializar con vieiras tóxicas, supostamente extraidas de forma furtiva na Ría de Ferrol e comercializadas entre febreiro e xuño de 2011, negaron os feitos que lles imputan e polos que a Fiscalía pide penas de entre dous e tres anos de prisión por un delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de xéneros corrompidos.

Debido ao número de acusados e de letrados, o xuízo, do Xulgado do Penal número 1 de Ferrol, trasladouse á Audiencia Provincial da Coruña, onde durante esta semana está previsto que se celebre a vista.

Ante a imposibilidade de chegar a un acordo entre as partes, o xuízo comezou coa declaración dos acusados, entre os que hai persoas vinculadas co mundo da hostalaría, como unha cociñeira, un camareiro xa xubilado e a xerente dun restaurante de Santiago, ademais dos responsables de negocios de hostalaría en Bergondo, A Coruña e Ferrol.

Figuran outras tres persoas, segundo Fiscalía, encargadas da extracción e venda de forma ilegal; un transportista e unha autónoma dedicada á venda de marisco de forma ambulante e que as distribuiría por Santiago e Ribeira.

Con excepción do hostaleiro de Bergondo, M.A.C.M., os demais acusados optaron por non contestar ás preguntas do Ministerio Fiscal, nun xuízo no que tamén está comparecida a Xunta de Galicia.

AUTOCONSUMO

Na súa declaración, admitiu que adquiriu 24 vieiras a H.M.F.B., pero explicou que o fixo descoñecendo a súa orixe e para unha celebración en familia. Ademais, explicou que as comprou porque este último era cliente do seu negocio.

Tamén outro procesado, R.C.T., recoñeceu adquirir nalgunha ocasión vieira, pero expuxo que era para o autoconsumo, ao igual que o dono dun bar de Ferrol, J.J.D.P..

Os demais procesados negaron comercializar con vieira que non pasasen os controis ou dedicarse á extracción desta de xeito ilegal, como argumentaron H.M.F.B.; J.M.R.S. e F.J.V.F. “Nin comercialicei, nin extraín”, sentenciou un deles.

Mentres, M.P.V., a xerente dun restaurante de Santiago, negou que os os seus empregados se encargasen de adquirir as vieiras, exculpando así o camareiro xa xubilado e a cociñeira do seu negocio acusados. Ademais, expuxo que eran ela e o seu pai –propietario do local– os que o facían. Non obstante, indicou que o compraban polas canles legais.

PENAS DE PRISIÓN

Para H.M.F.B. e J.M.R.S., dúas das persoas supostamente encargadas da extracción e comercialización da vieira, o Ministerio Público pide tres anos de prisión.

Para o resto dos procesados, F.J.V.F., R.C.T., M.J.P.C., M.P.M., J.A.L.P., J.J.D.P., M.A.C.M., L.M.D.P. e M.J.L.P., piden dous anos de prisión. A esta petición, súmanse penas de inhabilitación e multas económicas.

No operativo, a Guardia Civil localizou dende pequenas cantidades de vieira, 24 nun local de hostalaría, ata os 89,3 quilogramos localizados durante un dos operativos no vehículo de dous dos supostos furtivos.

9 de maio de 2016 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.