Oito persoas detidas por unha vintena de roubos na provincia da Coruña
A Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña, no marco da denominada ‘Operación Pedra’, procedeu á desarticulación dun grupo criminal dedicado ao roubo en vivendas, con oito detidos, ao que se lle imputan polo menos unha vintena de roubos na provincia coruñesa.
Segundo informou o Instituto Armado, este grupo criminal estaba composto por mozos de entre 20 e 30 anos, todos eles naturais e veciños da Coruña e localidades limítrofes que se dedicaban ao roubo de domicilios habitados en zonas rurais.
Os autores aproveitaban a ausencia dos seus moradores para entrar nas casas, para o que rompían cunha pedra -motivo que dá nome á operación- unha xanela ou porta, para subtraer principalmente diñeiro en efectivo e xoias, aínda que tamén levaban teléfonos móbiles, televisións, videoconsolas e mesmo radiadores.
A Benemérita indicou que se practicaron oito detencións e non se descarta algunha máis. Os imputados son novos de entre 20 e 30 anos de orixe española e veciños de Carral e A Coruña.
As mesmas fontes sinalaron que, principalmente, os roubos foron perpetrados nas poboacións coruñesas de Abegondo Carral e Ordes.
REXISTROS
Durante a operación leváronse a cabo tres entradas e rexistros nos domicilios dos detidos, autorizadas polo Xulgado de Instrución número catro da Coruña.
Os axentes atoparon numerosos efectos procedentes de roubos, como xoias, televisións, videoconsolas, cámaras fotográficas e teléfonos móbiles.
Ao longo da investigación recuperáronse numerosos lotes de vendas de xoias nas casas dedicadas, os cales están a ser entregados aos seus donos.