publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Partido Popular logra a alcaldía de Pontecesures tras unha moción de censura

Europa Press

Juan Manuel Vidal Seage, do PP, é desde este luns novo alcalde de Pontecesures (Pontevedra), tras a aprobación dunha moción de censura na que os populares contaron o respaldo dos dous concelleiros de Independentes de Pontecesures (IP) e un dos edís de Terra Galega (TeGa), para arrebatar a alcaldía a Cecilia Tarela, do BNG.

A moción de censura foi aprobada con tres votos do PP, os dous de Independentes de Pontecesures, e o voto do concelleiro de Terra Galega, Ángel Souto; mentres que estivo ausente da sesión, por motivos laborais, o outro edil de TeGa, Jorge Janeiro, que tampouco asinou a moción de censura.

O novo rexedor xustificou, en declaracións, o acordo alcanzado con Souto e con IP “para acabar coa atonía que padece Pontecesures”, e comprometeu o esforzo do seu novo equipo de goberno para “devolverlle ao pobo a vida que antes tiña”.

Segundo Juan Manuel Vidal, o goberno de Cecilia Tarela e os anteriores, tamén do BNG, “baseábanse na monotonía” e “non había proxectos novos”, e confirmou que iniciará de inmediato as reunións para coñecer a situación da administración municipal e “encarrilar” a acción de goberno.

Sobre a repartición de concellarías do seu goberno non quixo precisar quen asumirá cada área, pero confirmou que os seis edís asinantes da moción de censura terán responsabilidades. Así mesmo, avanzou que busca “a axilidade na xestión” polo que serán edís con plena “autonomía” para tomar decisións, aínda que “previamente consensuadas en comisión de goberno”.

O DIÑEIRO COMO “ÚNICO INTERESE”

Pola súa banda, a alcaldesa saínte, Cecilia Tarela (BNG), lamentou que o “único interese” que moveu aos concelleiros asinantes da moción de censura foi “o diñeiro”. Segundo indicou, “non hai outra explicación” para xustificar a decisión de Souto que, xunto ao seu compañeiro Jorge Janeiro (ausente no pleno deste luns), formaba parte do goberno con BNG e PSOE até xaneiro pasado.

“Cando deixaron o goberno en xaneiro pasado, xa estaban a negociar co PP”, asegurou Tarela, quen explicou que “está claro” que a motivación de Souto é “a dedicación exclusiva” que, asegura, terá co novo alcalde do PP, e que até agora non tiña. “E ademais, van desdobrar a concellaría de Obras para contentar tamén aos independentes. Nun pobo de 3.000 habitantes, unha concellaría desdobrada”, censurou.

Cecilia Tarela tamén cuestionou os argumentos de Terra Galega para deixar o goberno tripartito e para asinar a moción de censura. Mentres que Ángel Souto denunciou no seu día que a rexedora non cumprira o seu compromiso de levar adiante as propostas de TeGa, Tarela lembrou que, entre vacacións e unha baixa, o concelleiro díscolo “non traballou máis de 30 días” antes de deixar o goberno local.

ESTRATEXIA DO PP

A exalcaldesa afirmou que a moción de censura forma parte da estratexia do PP de Pontevedra “agora dirixido por Alfonso Rueda” para “volver reunir” a todos os edís independentes que no seu día estiveron nas filas populares (como ocorre con IP e TeGa neste caso), co fin de poder recuperar o maior número posible de alcaldías na provincia.

Cecilia Tarela avanzou que, a partir de agora, xa na oposición, o BNG de Pontecesures “seguirá traballando” e anuncia unha “oposición moi dura”, que vai tratar de fiscalizar a acción de goberno en todo o posible.

9 de maio de 2016 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.