publicidade hoxe

O Festival de Cans chega á décimo terceira edición con 36 curtas e videoclips a concurso e máis de 30 horas de música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaO Porriño
A-
A+
Presentación do Festival de Cans

Presentación do Festival de Cans

O Festival de Cans presentou hoxe o programa da súa décimo terceira edición, que se desenvolverá do 18 ao 21 de maio na aldea do Porriño da que toma o seu nome con 18 curtametraxes e outros tantos videoclips galegos a concurso. Ademais, os concertos volverán ocupar un espazo destacado nesta carteleira, que lle ofrecerá aos asistentes máis de 20 actuacións e 30 horas de música.

Os responsables do encontro adiantaron hoxe as principais novidades e citas deste ano no transcurso dun acto no que estiveron acompañados polos representantes das diferentes entidades patrocinadoras e colaboradoras, como a alcaldesa do Porriño, Eva García; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Na súa intervención, Sutil explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve apoiar esta programación, á que achega 22.093 euros a través da última convocatoria de subvencións da Agadic a festivais audiovisuais. Subliñou igualmente a singularidade do Festival de Cans, que en cada nova edición consigue concitar o interese e a complicidade dos profesionais e dos espectadores arredor dun programa ao que se incorporan progresivamente novos contidos, sen perder de vista o seu obxectivo principal: “O da difusión, o impulso e o incentivo da realización de curtametraxes en Galicia, que actualmente son moitas e moi talentosas”, sinalou.

Implicación da veciñanza

O director da Agadic tamén gabou este encontro como exemplo do que debe ser a colaboración entre o sector público e o privado cara ao desenvolvemento e a consolidación de propostas culturais a longo prazo. “E isto –continuou– coa activa participación da cidadanía, unha implicación que, no caso de Cans, se eleva ao seu máximo expoñente, ata o punto de que nos veciños e veciñas deste lugar descansa o segredo do seu éxito”.

Entre as novidades desta décimo terceira edición, a organización incidiu nas funcionalidades e contidos que estrean varios dos seus espazos emblemáticos. A Leira de Alicia, por exemplo, pasa a ter programación continua nos dous días centrais do evento e acollerá diferentes actuacións musicais, entre as que destaca o concerto de Iván Ferreiro, así como encontros con todos os curtametraxistas da sección oficial.

Jaliñeiro Arena

Inaugurarase, ademais, o Jaliñeiro Arena cun espectáculo que combina música e danza contemporánea da man de Mercedes Peón e Janet Novás. Este novo escenario situarase na chamada Zona Multiúsos, que acolle a programación audiovisual, musical e as ‘performances’ do Jaliñeiro Clásico. Este ano haberá tamén unha nova sección gastronómica coa proxección de ‘El equilibrio de los opuestos’, un documental sobre as peripecias do cociñeiro Javier Olleros, quen preparará unha tapa especial deseñada para o festival e elaborada con produtos da parroquia.

En canto á sección oficial a concurso, entre as 18 curtametraxes seleccionadas atópanse os últimos traballos dalgúns creadores que xa son habituais do festival, así como de directores galegos asentados en Bruxelas, Londres, Lisboa, Madrid ou Barcelona, entre outras cidades.

Animación

Sobresae nesta escolma a recuperación da animación con filmes de realizadores e debuxantes consagrados ao carón dunha nova xeración de autores saídos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A selección de videoclips reflicte igualmente unha gran diversidade, entre a que este ano destaca unha ampla presenza de fitas asinadas por mulleres.

Haberá lugar, así mesmo, para as longametraxes coa estrea de ‘Psiconautas’, o filme de animación co que Alberto Vázquez e Pedro Rivero culminan o camiño iniciado coa curta ‘Birdboy’, gañadora en Cans en 2011 e Goya á mellor curtametraxe de animación en 2012. Completarán esta sección varios documentais e o filme de animación para público familiar ‘Maimiño’.

Como en anos anteriores, Cans reunirá destacados profesionais do audiovisual galego para compartir cos asistentes os seus proxectos inmediatos e despregará un amplo cartel musical, no que figuran ademais Os Diplomáticos de Monte Alto, Novedades Carminha, Delafé, De Vacas, Family Folks e Zurrumalla, Cintaadhesiva, Camarada Nimoy e Best Boy, entre outros.

3 de maio de 2016 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.