publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O exalcalde de Boimorto é o único investigado en Galicia por unha operación por fraude a aseguradoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoimortoLocal PortadaPortada esquerdaSucesos
A-
A+
Europa Press

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, confirmou que por agora na Comunidade galega só hai unha persoa investigada nunha operación de ámbito estatal por fraude a compañías de seguros e na que se investiga se se falsearon partes de accidentes e de saúde. Nesta actuación está implicado un garda civil, que non é galego, e que xa está xubilado.

O implicado en Galicia é o xa exalcalde de Boimorto, o popular Gonzalo Concheiro, quen presentou en horas pasadas a súa dimisión como rexedor, como deu a coñecer o propio Partido Popular este xoves a través dun comunicado de prensa, no que deixou constancia de que a súa marcha era por motivos “persoais” e alleos á súa responsabilidade como alcalde e concelleiro do PP.

O exalcalde é médico de profesión e compatibiliza o seu posto no Sergas coa actividade médica privada. A preguntas dos medios este venres, Villanueva indicou que a operación “se leva a cabo en toda España” e ten que ver “cunha fraude” a seguros. A todas as persoas que poderían estar relacionadas “estáselles a tomar declaración”.

Segundo o explicado polo delegado do Goberno, unha “persoa cometía a fraude e outras certificaban ou acreditaban unha serie de documentos sobre os que se baseaba esa fraude”, que é o que se está a investigar. De feito, apuntou que o xulgado ten que determinar se “dunha forma consciente ou inconsciente esas persoas certificaron o que facían ou non con coñecemento de causa”.

“Os delitos teraos que cualificar o xulgado. Unha vez que se remate a fase de instrución será o xulgado que os cualifique”, sentenciou.

MOCIÓN DE CENSURA

Gonzalo Concheiro accedeu á Alcaldía o mes de agosto de 2015, pouco despois das eleccións municipais de maio e das investiduras, a través dunha moción de censura que arrebatou o bastón de mando a Xosé Luis ‘Mini’ Rivas (BNG). A moción prosperou ao sumar os cinco votos do PP e outro edil que se presentou de número 3 nas listas do PSdeG pero que se integrou no grupo de non adscritos, José Beado.

A dirección provincial dos populares coruñeses indicou nese mesmo comunicado deste xoves que respecta a “decisión” tomada por o xa exrexedor e asegurou que a “estabilidade do goberno local está garantida” na figura de María Jesús ‘Chus’ Novo, quen previsiblemente asumirá o bastón de mando.

Así, o PP da Coruña quixo “mandar unha mensaxe de tranquilidade aos veciños de Boimorto” e asegurou que “as obrigas e a actividade diaria do goberno local seguirá adiante con total normalidade”.

13 de maio de 2016 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.