publicidade hoxe

O DOG publica a transferencia ao concello de Arteixo dunha antiga caseta de Legoeiros da estrada AC-552 na parroquia de Lañas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArteixo
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se aproba a transmisión de titularidade dunha antiga caseta de legoeiros situada no punto quilométrico 13+125 da estrada coruñesa AC-552 que une A Coruña (A Grela)-Cee (AC-550), concretamente, na parroquia de Lañas a prol do Concello de Arteixo.

A Axencia Galega de Infraestruturas(AXI), de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transmisión de titularidade dos terreos que ocupa a vivenda, o patio e o terreo colindante, que supón un total de 295,60 metros cadrados e que determinan a totalidade da superficie.

Por parte do Concello, preténdese demoler a instalación e poder, deste xeito, acondicionar o cruce das estradas que van a Amentón, Monteagudo e Barrañán.

O Concello de Arteixo manifestou á AXI, organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, o seu interese por obter o cambio de titularidade deste inmoble, posto que se trata dun elemento funcional desta estrada, é dicir trátase dunha infraestrutura complementaria que pode estar constituída por un espazo e instalacións destinadas a ordenar, mellorar ou regularizar o sistema xeral de transportes e comunicación, tales como centros operativos de conservación e explotación, zonas de estacionamento, paradas de autobús, áreas de descanso ou de auxilio e estacións e centros de control.

O Concello de Arteixo deberá levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficiais correspondentes para regularizar a titularidade da superficie, da edificación e dos terreos existentes na parcela.

A cesión tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece que deberá ser aprobado por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Corresponderanlle ao Concello de Arteixo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra como nova Administración titular.

26 de maio de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.