publicidade hoxe

O DOG publica a convocatoria de axudas destinada ás entidades locais para a promoción da información xuvenil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVila de Cruces
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe nunha xornada informativa sobre os programas de Galeuropa e Deseñando o teu futuro organizadas polo departamento de Xuventude do concello de Vila de Cruces. Cecilia Vázquez aproveitou o encontro para anunciar a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da convocatoria de axudas destinada ás entidades locais para a promoción da información xuvenil e á realización de proxectos dirixidos á xuventude no ámbito da educación non formal e da participación.

A esta liña de subvencións, para as que a Consellería de Política Social destina 592.754 euros, van dirixidas a concellos e a mancomunidades de Galicia, así como tamén aos municipios que, pertencendo a unha mesma zona, acorden desenvolver programas conxuntos de actuación sen constituír unha mancomunidade.

A orde sinala que as solicitudes individuais de concellos contarán cun importe máximo de 3.000 euros; mentres que si son dous os municipios, a axuda será de 8.000 euros; e, se son tres ou máis, a subvención chegará aos 15.000 euros. Deste xeito, preténdese incentivas os proxectos conxuntos co obxectivo de favorecer a presentación de proxectos máis ambiciosos e de maior calidade.

Os beneficiarios das subvencións deberán participar no financiamento cun mínimo do 25% do orzamento total. O período subvencionable abranguerá dende o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2016. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contando a partir de mañá.

Poderán ser obxecto destas axudas os custes derivados do funcionamento normal dun servizo de información xuvenil, así como as actividades de dinamización da información que se levan a cabo. Tamén se subvencionan as actividades formativas e educativas, as relacionadas co espírito creativo e emprendedor da mocidade, os programas de información e asesoramento e, en xeral, os que faciliten a participación xuvenil en actividades de educación non formal e os relacionados co asociacionismo e liderado xuvenil, todos eles destinados á mocidade de idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos.

Grazas a esta orde, en 2015 desenvolvéronse un total de 219 proxectos xuvenís, dos que 215 foron solicitudes individuais, unha procedente de fusión municipal e tres de agrupacións de concellos. Entre estes últimos estaba o de Vila de Cruces, que xunto cos de Boqueixón e Vedra, desenvolveron un proxecto conxunto que contou con actividades de formación, de tempo libre e de ocio educativo nos meses de verán.

3 de maio de 2016 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.