publicidade hoxe

O CEIP A.D.R. Castelao de Rianxo recibe o premio do concurso-exposición Letras Galegas 2016 en infantil e primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRianxo
A-
A+

O CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de Rianxo recibiu esta mañá o Premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2016 na modalidade de Infantil e Primaria, nun acto que se celebrou no propio centro e no que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. É a segunda vez que este CEIP se fai co galardón, que xa gañara no ano 2012.

“Parabéns de novo toda a comunidade educativa do CEIP Alfonso Daniel R. Castelao de Rianxo, que soubo traballar conxuntamente, en equipo, para sacar adiante o proxecto gañador do Concurso-Exposición Letras Galegas e renderlle homenaxe a quen, como reflicte o título do seu traballo, mellor “soñou Galicia” para a xente miúda, á que lle dedicou e lle deixou un importante legado literario” dixo García Gómez durante a súa intervención. O secretario xeral incidiu na figura e no labor do poeta homenaxeado este ano como precursor e impulsor da literatura infantil galega.

Participaron no acto, canda o secretario xeral, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o rexedor municipal, Adolfo F. Muíños Sánchez; o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación e o director do CEIP.

O grupo de traballo que participou na confección do proxecto recibiu un premio en metálico por importe de 2000 euros e un diploma acreditativo. As láminas, a guía didáctica e os marcapáxinas que conforman este proxecto están accesibles en www.lingua.gal/recursos/todos?content=/Portal-Lingua/Contido/recursos/letras-galegas/2016/contido_0520.html.

Promover o coñecemento de Manuel María entre o alumnado

A Secretaría Xeral de Política Lingüística contribúe con iniciativas coma esta á conmemoración do Día das Letras Galegas 2016 desde os centros de ensino non universitarios da súa titularidade, convocando anualmente un concurso-exposición arredor da figura homenaxeada, nesta ocasión, a de Manuel María.

Os obxectivos que se perseguen son os de impulsar o estudo da obra de Manuel María, favorecer a reflexión sociolingüística sobre o contexto histórico do autor, incentivar a realización de actividades que fomenten a colaboración multidisciplinar e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado e fornecer a oferta de materiais existentes en lingua galega, promovendo a súa divulgación como referentes para a creación doutros.

10 de maio de 2016 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.