publicidade hoxe

Medio Ambiente e Sober asinan un convenio por 280.000 euros para remodelar a praza do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Sober

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Sober

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Sober, Luis Fernández, asinaron hoxe en Santiago o convenio de colaboración no que se establece que a Xunta achegará case 280.000 euros entre este ano e o próximo para remodelar a praza do Concello e o seu contorno.

Máis polo miúdo, o obxecto da actuación é reordenar o espazo urbano formado pola praza, e as rúas do comercio, a avenida de Belán, a a estrada de Monforte. A finalidade é mellorar a accesibilidade do espazo público para os peóns, reorganizando o tráfico da zona para ganar zonas libres de tránsito de vehículos.

Ademais, conectarase a alameda coa praza, sen necesidade de cruzar as vías para vehículos. O desenvolvemento das actuacións implicará a supresión da parte da estrada de Canaval que cruza a praza ata a rotonda coa estrada de Monforte, de xeito que se poida unir o espazo peonil da praza coa Casa Consistorial e a alameda, reordenando a circulación no seu perímetro. Así, organizarase o tráfico ampliando as zonas de estancia e pasos para os peóns, e adecuando o espazo urbano e o mobiliario a este uso.

En definitiva, trátase de favorecer un urbanismo máis sostible e accesible, tanto en termos de infraestruturas e comunicación, como económico e da actividade que se poida xerar. Na zona da praza sitúanse baixos e locais comerciais sen ocupar que, combinados con esta actuación, poderían impulsar á área para un crecemento comercial, ademais de favorecer a realización de eventos públicos na praza.

En canto aos traballos concreto que se acometerán durante esta actuación, cabe destacar que se mellorará a rede de saneamento e auga potable, así como as canalizacións das redes de electricidade e telecomunicacións; eliminaranse as barreiras arquitectónicas; modernizaranse os sistemas de iluminación; e instalarase mobiliario urbano con superficies de madeira.

Plan hurbe

O convenio asinado hoxe inscríbese no Plan hurbe, que o Goberno galego puxo en marcha en 2010 cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas de Galicia; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial. Para cumprir estas metas, o Plan inclúe tres programas de actuación: humanización de rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos público, especialmente referidos a aqueles de carácter cultural e social.

En concreto, no concello de Sober xa se teñen acometido outras dúas actuacións con cargo a este Plan, por un valor de preto de 120.000 euros (a primeira fase da urbanización da travesía de Belán e a apertura da rúa Nova).

Desde a súa posta en marcha en 2010, o hurbe ten posibilitado a realización de 105 actuacións, grazas a un investimento total de 112 millóns de euros.

6 de maio de 2016 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.