publicidade hoxe

Medio Ambiente destaca o papel das Reservas da Biosfera de Galicia como espazos de especial conservación dos valores naturais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+
Beatriz Mato na clausura das xornadas. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato na clausura das xornadas. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, salientou esta mañá o papel e o valor das seis reservas da biosfera coas que conta a Comunidade galega. Así o puxo de manifesto durante a clausura da xornada Rede Mundial de Reservas da Biosfera; Tendendo pontes, onde recordou que a Comunidade galega conta con seis reservas, o que a sitúa como a terceira comunidade de toda España en número de reservas da Biosfera, só detrás de Andalucía (con 9) e Castela e León (con 8); todas foron declaradas en pouco menos dunha década (entre o ano 2002 e 2013) e comprenden unha cuarta parte da superficie do territorio galego (case 725.000 hectáreas).

Detallou que cinco delas atópanse integramente en territorio galego (As Mariñas, Terras do Mandeo, Área de Allariz, As Terras do Miño, e os Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá); unha compártese con Asturias (Río Eo, Oscos e Terras de Mandeo); e outra ten carácter transfronteirizo, xunto con Portugal (Xurés-Gerês).

Beatriz Mato sinalou que o departamento que dirixe traballa nunha nova Lei de Conservación da Natureza, coa que potenciar e preservar estes espazos e os especias valores polos que foron declarados reserva da biosfera. Engadiu que no novo texto legal tamén se recolle a creación dunha Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, da que formarán parte todos os espazos declarados pola UNESCO xa sexan compartidos ou estean situados integramente en territorio galego. Asemade, adiantou que unha das novidades que recollerá a futura lei, será a regulación e clarificación do procedemento para a declaración e xestión destes espazos.

A responsable de Medio Ambiente sinalou que esta futura rede fomentará os intercambios, as sinerxías e a eficiencia na xestión -de xeito similar a nova Rede de Parques Naturais de Galicia, que se vén de poñer en marcha recentemente- e a súa xestión pivotará nun Comité de Xestores das Reservas da Biosfera, que será un órgano colexiado de asesoramento e coordinación adscrito sempre á Consellería competente en conservación da natureza.

Mato Otero afirmou que as reservas da biosfera supoñen un gran pulmón para Galicia, polo que se debe reforzar o papel que xogan; grazas a medidas como que o Comité de xestores poderá representar ás reservas galegas a nivel nacional e internacional.

26 de maio de 2016 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.