publicidade hoxe

Manuel Martínez culpa a Besteiro de ser apartado da Presidencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLugoPortomarín
A-
A+
Europa Press

O deputado non adscrito na Deputación de Lugo e alcalde de Becerrea, Manuel Martínez, asegurou que “tanto o PSOE como o BNG sabían” que non interviu na obra de Portomarín pola que foi imputado en 2013 e atribuíu ao exsecretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro a decisión de apartalo da presidencia do ente provincial.

Martínez ofreceu este luns en Lugo unha rolda de prensa despois de que se confirmase o arquivo definitivo da causa pola que fora investigado, cuestión que lle apartou da candidatura o 24 de xuño de 2015. Na súa comparecencia luciu un pin co logotipo antigo do PSOE.

“Tanto por parte do Bloque e do PSOE e o grupo provincial sabían que Manolo Martínez non tivera ningún tipo de intervención nesa obra salvo as normais da relación co enxeñeiro, que era enxeñeiro de Vías e Obras (departamento que levaba na anterior lexislatura no goberno que compartían socialistas e nacionalistas) e tamén da Unión de Proxectos que dependía directamente do presidente (Besteiro) e onde Manolo non mandaba nada”, asegurou.

Así mesmo, destacou que “dita documentación”, que se trasladou ao xulgado, remitíuselle ao “BNG e logo de analizalo con especialistas xurídicos da súa contorna, tanto en Lugo como en Santiago, todos concluían que non había motivo algún para que esta imputación tivese consecuencias”.

“Eu falei co enxeñeiro sobre esta estrada (Portomarín), pero que cando a min me preguntan no xulgado se eu dera a orde para que esa estrada se modificase obviamente eu contestei que non, porque eu non dei ningunha orde para modificar o proxecto e o trazado”, expuxo.

Nesta liña, apelou a que aínda imputado en 2013 se cogobernou co BNG, “sacándonos todos os venres fotos o portavoz do BNG”. Con todo, indicou que esa situación cambia o 24 de xuño”, data da investidura, onde Martínez votouse a se mesmo e logo en branco, posibilitando a entrada no goberno da popular Elena Candia, tras ser vetado polos nacionalistas para optar á presidencia.

Deste xeito, o alcalde de Becerrea insistiu en que “queda claro”, tras o arquivo da causa, “que non houbo ningún tipo de intervención” pola súa banda “nas posibles irregularidades naquela obra de Alto Valiño-Valdeporras” en Portomarin, denunciadas polo alcalde popular Juan Serrano.

INTERVENCIÓN DE BESTEIRO

Ademais, o deputado non adscrito lembrou como tivo, no seu momento, o “apoio de todo o partido” para ser o candidato e mesmo da comisión de listas do PSOE, que logo se volveu atrás. Respecto diso, explicou que, entre as “doce da medianoite e unha do día 24 (xuño de 2015), durante a madrugada do día 24 parece ser que en Madrid se reuniu a comisión federal de listas” formada por 17 persoas para “cambiar o candidato á deputación de Lugo”.

“Isto obviamente non llo cre ninguén, e aquí podo pensar que hai unha falsificación de documento público”, advertiu sobre o cambio de opinión do seu propio partido onde non dubida que pesou a intervención do ex secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

Desde ese momento, considerou que se inicia “era Campos”, “unha época de mentiras, de faltar á palabra e de alguén que non ten a dignidade suficiente para ser presidente da deputación, porqué incumpriu a súa palabra e mentiu en toda e cada unha das cousas que acordou” con el.

2 de maio de 2016 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.