publicidade hoxe

Jamones González súmase ao certificado Galicia Calidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Corgo
A-
A+
Sol Vázquez na entrega do certificado a Jamones González

Sol Vázquez na entrega do certificado a Jamones González

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, entregaron hoxe no Corgo (Lugo) o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á empresa cárnica Jamones González, especializada en produtos curados e frescos de porcino.

Con este recoñecemento, a compañía pode incluír na súa etiquetaxe o selo de garantía Galicia Calidade para o lacón Airamonte, amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Lacón Galego, elaborado con porcos da raza Duroc criados en Galicia. O selo, con validez para os próximos tres anos, permitirá a Jamones González incluír o distintivo nas etiquetaxes do produto certificado, así como nas diferentes accións para a súa promoción.

A directora xeral de Comercio resaltou no acto de entrega do selo que Jamones González “concentran a síntese dos esforzos das empresas galegas para competir nos mercados máis esixentes, xa que combina a tradición de máis de 90 anos coa aposta decidida pola innovación e a calidade dos produtos”.

Segundo Sol Vázquez, as empresas certificadas por Galicia Calidade, como é o caso de Jamones González, fan un esforzo de modernización que “transmiten ao exterior unha maneira diferente de traballar en Galicia”.

Así, resaltou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que vai sumando máis empresas e produtos. Na actualidade suma xa máis de 300 produtos certificados e 80 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario.

Elaboración tradicional

Jamones Gónzalez, fundada no ano 1923, comercializa produtos cárnicos e derivados do porco, curados e frescos, procedentes de ganderías autóctonas, con certificados de calidade da I.X.P. Lacón Galego. Na actualidade xa está na terceira xeración da empresa, que combina a tradición de curación dos xamóns e lacóns coas mais avanzadas técnicas para garantir a máxima calidade e seguridade aos produtos.

A empresa atópase situada nunha zona próxima á Serra dos Ancares, que pola súa localización xeográfica posúe unhas condicións climatolóxicas óptimas para a elaboración de produtos cárnicos curados. De carácter familiar, conta cun cadro de persoal de 16 persoas e no ano 2014 superou os 2,1 millóns de euros de facturación, cun crecemento do 46% respecto ao exercicio de 2012.

10 de maio de 2016 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.