publicidade hoxe

Ethel Vázquez destaca a implicación da Xunta no financiamento do sistema de saneamento do Porto Seco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, destacou hoxe a implicación da Xunta no financiamento do sistema de saneamento independente do Porto Seco de Monforte co obxectivo de evitar que a vila perda a oportunidade para a xeración de emprego e riqueza que supón esta plataforma loxística.

A titular de Infraestruturas da Xunta, acompañada da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, asinou hoxe co alcalde de Monforte, José Tomé, un convenio de colaboración para impulsar esta infraestrutura e formalizar a recepción por parte do municipio das obras de urbanización da plataforma loxística, incluídos os viais interiores.

Este convenio de colaboración plasma a colaboración técnica e financeira entre o Goberno galego e o Concello de Monforte para dotar o Porto Seco dun sistema de saneamento que permita a instalación de empresas a pesar da imposibilidade de conectalo, tal e como estaba previsto, á rede de saneamento municipal, que se atopa nun estado deficiente.

A conselleira sinalou que, a pesar de que o saneamento é unha competencia municipal, a Xunta considera que Monforte, que ten un alto índice de paro, non pode perder a oportunidade que representa o Porto Seco e por iso decidiu colaborar co Concello no impulso desta depuradora independente.

En virtude desa colaboración, a Xunta elaborou o proxecto construtivo da depuradora e se compromete a financiar o 50% dos case 300.000 euros que supón a súa construción. Pola súa banda, o Concello deberá achegar a cantidade restante, publicar o proxecto no Boletín Oficial da Provincia, tramitar os permisos correspondentes e executar as obras.

Ethel Vázquez sinalou que desta forma será posible que a empresa Abiga desenvolva o seu proxecto de negocio no Porto Seco, onde prevé investir 20 millóns de euros e a creación de 35 empregos directos e 105 indirectos.

Ademais, a preguntas dos xornalistas, a conselleira indicou que o Goberno galego prevé licitar neste mesmo mes de maio a redacción do proxecto construtivo da conexión do Porto Seco coa N-120 a través dunha alternativa “eficiente, e polo tanto viable economicamente”.

5 de maio de 2016 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.