publicidade hoxe

Entréganse as parcelas da parcelaria de Meavía-Quintillán de Forcarei aos 704 beneficiarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Acto de toma de posesión da zona de concentración parcelaria

Acto de toma de posesión da zona de concentración parcelaria

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiu esta mañá ao acto de toma de posesión da zona de concentración parcelaria de Meavía-Quintillán en compaña da alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiros, e do xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo.

Na reunión cos veciños estivo tamén o tenente alcalde de Forcarei, Ricardo Villaverde, a xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez Pacios, e o técnico-director da zona.

Segundo destacou o delegado territorial, esta parcelaria afecta a case 2.170 hectáreas, beneficiando a 704 propietarios. “A toma de posesión dos novos predios de concentración parcelaria permitirá aos donos das parcelas poder comezar a traballar nas súas novas fincas”, explicou Cores Tourís, quen engadiu que “isto é algo esencial para manter garantida a actividade agrogandeira nas zonas de concentración. Agora o noso obxectivo é rematar esta tramitación e entregar canto antes os títulos”.

A partir da toma de posesión e durante un prazo de 60 días, os adxudicatarios poderán reclamar ante a Xefatura Territorial de Medio Rural se existen diferenzas superiores ao 2% entre a cabida real das novas fincas e a que conste no expediente de concentración. Tamén se informou aos veciños que nos próximos días levarase a cabo a instalación dos marcos que aínda faltan por instalar.

A concentración parcelaria de Meavía-Quintillán conta na actualidade cun total de 1.807 fincas cunha media de superficie de 12.005 metros cadrados, “reducíndose así das 13.283 fincas iniciais que contaban cunha superficie media de 1.590 metros cadrados”, engadiu o delegado territorial. Os propietarios pasan a ter unha media de 2,56 fincas cada un frente as 18,87 que tiñan ao inicio da tramitación da parcelaria.

O delegado territorial tamén fixo fincapé durante a reunión na importancia de manter as carballeiras que se atopan presentes en estas dúas parroquias de Forcarei, “que son unha riqueza para este concello e para o noso medioambiente”, instando aos presentes a que se manteñan e se coiden.

Coa entrega provisional destas parcelas, dáse un paso máis no proceso reestruturador do rural galego e ponse en coñecemento dos veciños o feito de que xa poden comezar a usar os seus terreos. Deste xeito, a Xunta de Galicia contribúe a modernizar as explotacións, mellorar os accesos e facilitar os desprazamentos ás fincas, aumentando así o valor da base territorial.

José Manuel Cores Tourís destacou a importancia económica que supón a concentración parcelaria. De feito, o delegado territorial recordou que “o obxectivo último da Xunta de Galicia radica en sacar rendibilidade aos terreos a través de novas explotacións que eviten o abandono da terra e a racionalización da produción. Especialmente importante é a resolución destas parcelarias en concellos como o de Forcarei, que conta con un importante número de explotacións gandeiras, para o que sen dúbida é esencial bos e grandes praderíos”.

Recentemente executáronse obras nas vías principais desta parcelaria mellorándose a capacidade portante e a resistencia dos camiños principais desta parcelaria, facilitando así o acceso aos diferentes puntos destas dúas parroquias. Deste xeito, mellorouse a capacidade destas vías trala reparación dos seus deterioros, causados polo continuado paso de vehículos e maquinaria agrícola, así como das augas de escorrentía e outros factores propios do paso do tempo.

En total, actuouse en 10 tramos que suman unha lonxitude de 5.158 metros, dándose así servizo aos novos lotes de reemprazo e aos correspondentes núcleos de poboación.

No concello de Forcarei puxéronse en marcha catro concentracións parcelarias, dúas delas rematadas, as de Pereira e Presqueiras, e outras dúas en execución, a de Castrelo e a de Meavía-Quintillán.

10 de maio de 2016 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.