publicidade hoxe

Cores Tourís visitou o polígono de Sete Pías para anunciar novas obras de mellora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosRibadumia
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o polígono empresarial de Sete Pías, co obxectivo de anunciar a posta en marcha de obras de mellora neste área que se atopa nos concellos de Cambados e Ribadumia.

Na visita estivo acompañado do alcalde de Ribadumia, David Castro, do concelleiro José Ramón Abal, así como representantes de ambos concellos, do presidente dos empresarios de Sete Pías, Benigno Santos, e do xefe territorial de Economía, Ignacio Rial.

Deste xeito, Cores Tourís destacou a labor da Consellería de Economía, Emprego e Industria que acaba de aprobar apoios por preto de 5 millóns de euros para os concellos galegos cos cales se desenvolverán melloras en 46 parques empresariais de toda Galicia, 10 deles na provincia de Pontevedra” e se crearán seis novos viveiros industriais, “neste caso nos concellos de Vilanova de Arousa e Cambados, contribuíndo así á atracción de investimentos cara aos municipios ao tempo que se fomenta o emprendemento no sector industrial galego”.

Mediante a convocatoria destas axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas, concédense apoios cos que se impulsarán 58 proxectos en 46 parques empresariais galegos. “Na nosa provincia executaranse 12 proxectos, véndose beneficiados 10 concellos: Cambados, Ribadumia, Campo Lameiro, O Porriño, A Cañiza, Silleda, Tui, A Lama, Agolada e Forcarei”, explicou Cores Tourís, quen matizou que grazas a estas obras “mellórase así o servizo que se presta ás compañías xa instaladas ao tempo que se impulsa a chegada de novas iniciativas con capacidade para xerar riqueza e emprego”.

“Preto do 47% dos proxectos apoiados mediante esta liña se centra nas vías de acceso, e de feito, en Sete Pías, levaranse a cabo obras de reparación de beirarrúas en diversos tramos, cunha lonxitude total de aproximadamente 1.700 metros”, engadiu o delegado territorial. Tamén pintarase a sinalización horizontal en varios viais deste polígono ao longo de 733 metros en Cambados e 900 en Ribadumia, onde tamén se construirán beirarrúas nunha zona de aparcamento.

Durante a visita, o alcalde de Ribadumia agradeceu a colaboración da Xunta para a mellora deste polígono empresarial, ao igual que fixo o concelleiro cambadés, destacando as últimas axudas aprobadas pola administración autonómica cara o seu municipio.

Viveiros industriais

Por outra banda, mediante a convocatoria para a creación de viveiros industriais nos polígonos galegos, que se pon en marcha por primeira vez, os concellos de Cambados e Vilanova de Arousa obtiveron axudas que suman en concreto 340.000 euros, “é dicir, o 35% do total destinado a toda a comunidade autónoma”, explicou Cores Tourís. O obxectivo destas subvencións é habilitar estes novos espazos que se poñerán á disposición dos emprendedores do sector industrial a prezos moi vantaxosos e por un prazo de ata 24 meses. Facilítanse así as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas, que disporán ao mesmo tempo de asesoramento especializado.

No polígono de Sete Pías adaptarase a condicionarase unha nave xa existente que é propiedade do Concello. Esta nave ten unha superficie de 1.646 metros cadrados, dos cales dedicaranse 1.534 a implantación de novas empresas e 112 a servizos comúns.

No caso de Vilanova de Arousa, construirase unha nova nave dedicada a viveiro industrial de empresas no polígono de Baión, nunha parcela actualmente sen edificar. A nave terá unha superficie total de 730 metros cadrados, dos cales 512 dedicaranse a empresas e 219 a servizos comúns.

27 de maio de 2016 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.