publicidade hoxe

Cores Tourís analiza co alcalde do Grove as demandas en materia de mellora de seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+
Cores Tourís no encontro co alcalde do Grove

Cores Tourís no encontro co alcalde do Grove

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo un encontro esta mañá co alcalde do Grove, José Cacabelos, con que analizou as necesidades de mellora na seguridade viaria no municipio así como a situación do servizo de Emerxencias.

Na reunión estivo tamén presente a concelleira de Obras, Servizos e Infraestruturas do Grove, Ángeles Domínguez.

O alcalde meco solicitou ao delegado territorial a súa mediación de cara a que se axilice a firma do convenio entre o concello, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra que garanta o financiamento do servizo de Emerxencias.

Neste senso, Cores Tourís confirmou que dará traslado da demanda deste concello ante a Consellería de Presidencia que é a responsable en materia de emerxencias.

A maiores, o delegado territorial e o alcalde do Grove tamén analizaron as necesidades actuais de mellora nas estradas do municipio de cara a seguir a traballar pola seguridade viaria deste concello, “como xa o viñemos facendo recentemente coa reforma do firme das glorietas da PO-308 situadas no entorno da Lanzada. O estado do firme era moi deficiente polo que dende a administración autonómica tomamos a determinación de melloralo”, engadiu Cores Tourís.

Así, Cacabelos solicitou que se instalen pasos de peóns elevados na entrada do Grove, entre a estación de servizo e o hotel Bahía. En relación a esta demanda, o delegado territorial recordou ao alcalde da localidade meca que por normativa non sería posible a instalación destes pasos elevados, pero sí duns semáforos que regulen o tráfico, opción que foi ben aceptada por parte do rexedor.

Outras demandas do concello foron a acometida de labores de conservación e limpeza da estrada que une A Lanzada coa zona de Ardia e a reforma de dúas vías do municipio, a rúa Teniente Domínguez e a rúa Luis A. Mestre, o que permitiría mellorar o tránsito por estas estradas e gañar en seguridade tanto para os peóns como para os vehículos. En relación a estas obras, José Manuel Cores Tourís recordou ao alcalde que o concello tería que encargarse, pola súa banda, de instalar os servizos nestas dúas rúas, de xeito que se renovasen á vez que se executan as obras de mellora evitando ter que levantar logo de novo as mesmas.

Finalmente, José Cacabelos tamén solicitou a José Manuel Cores Tourís a execución dunha serie de melloras na zona portuaria deste concello, cuestión que segundo lle transmitiu o delegado territorial, podería abordarse a través da firma dun convenio entre as dúas administracións.

16 de maio de 2016 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.