publicidade hoxe

Caldas de Reis acolle o inicio do programa Degusta Europa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisPontevedra
A-
A+

A deputada delegada de xuventude e cohesión social, Digna Rosa Rivas, e o alcalde de Caldas de Reis, José Manuel Rey, participaron esta mañá no acto de inicio do programa Degusta Europa, impulsado pola Deputación de Pontevedra e enmarcado nunha serie de actuacións que a institución está a organizar para conmemorar o Día de Europa.

Degusta Europa ten por obxectivo, tal e como manifestou a deputada provincial Digna Rivas, simbolizar a unión entre os diferentes pobos europeos empregando como elemento motor a gastronomía ó tempo que se enxalzan os mercados municipais e os produtos da provincia de Pontevedra. Para elo, a Deputación de Pontevedra conta coa colaboración de profesorado e alumnado voluntario dos centro educativos Carlos Oroza de Pontevedra e Manuel Antonio de Vigo que se encargan da compra dos produtos das Rías Baixas nos mercados municipais e, alí mesmo e ó estilo dun show cooking, elaborar pratos típicos europeos para que sexan degustados posteriormente polas persoas alí presentes.

No caso concreto de Caldas, foron os representantes do Carlos Oroza os encargados de levar a cabo a compra, preparación e degustación de pratos europeos entre os que se atoparon, entre outros e tal e como subliñou o alcalde da localidade José Manuel Rey, “risotto de verduras, troita mariñada con pan Iefse, tzatziki ou vermú”.

Degusta Europa continuará nos mercados municipais de Pontevedra (6 de maio) e Cambados (10 de maio), a cargo do alumnado e profesorado do Carlos Oroza, que elaborarán os mesmos pratos que hoxe foron preparados en Caldas, e A Guarda (11 de maio), Bueu (12 de maio) e Vigo (13 de maio), a cargo do centro educativo Manuel Antonio quen se encargará de elaborar hamburguesa de porco, sopa de melón con Oporto texturizado, rissoto de mexillóns con tella de queixo parmesano, xoubas fritidas con tempura de millo e xarda lañada con brotes tenros.

3 de maio de 2016 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.