publicidade hoxe

Bernardo Tahoces destaca a importancia do parque empresarial de Taboada no fomento da actividade económica local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTaboada
A-
A+

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe as instalacións do parque empresarial de Taboada, onde se acometeron obras que permiten ofrecer mellores servizos ás empresas e impulsar a actividade no polígono industrial. Neste sentido, Bernardo Tahoces salientou a importancia desta infraestrutura no fomento da actividade económica desta localidade lucense.

Durante a visita, o director xeral resaltou os traballos de mellora nas comunicacións internas realizados dentro do polígono por parte do Concello de Taboada, o que supón que, ademais de favorecer a consolidación do parque empresarial, se impulse a competitividade das súas empresas. Deste xeito, o ano pasado, cun apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 96.000 euros e, no marco do programa operativo Feder Galicia
2007-2013, o Goberno local desenvolveu un proxecto centrado na urbanización da Vía 20 deste polígono. En concreto, a obra permitiu conectar as vías 10 e 30, xa urbanizadas, ademais de executar as obras correspondentes á rede de augas residuais e pluviais.

Este ano a Consellería convocou unha nova orde de apoios para colaborar cos municipios galegos na mellora competitiva dos polígonos industriais, dada a súa importancia no desenvolvemento económico das vilas de cara a impulsar o crecemento e a xeración de novos emprego.

O programa, pendente de resolución, prevé, como en edicións anteriores, apoios de ata o 80% do custo subvencionable, cun máximo de 120.000 euros por solicitude. Así mesmo, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida.

A través desta liña promoveranse diferentes accións que abarcan a dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia no gasto enerxético, novas plantas de depuración de augas, xestión de residuos, vías de acceso aos parques empresariais, ou instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia, entre outras actuacións.

16 de maio de 2016 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.