publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As charlas divulgativas sobre o oso pardo chegan a Folgoso do Courel e Quiroga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFolgoso do CourelLocal PortadaQuiroga
A-
A+

As charlas divulgativas sobre o oso pardo que está organizando a Xunta de Galicia chegarán hoxe aos concellos de Folgoso do Courel e Quiroga. Estas actividades, que promove a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, inscríbense nun proxecto destinado a previr os danos causados polo oso pardo á gandería e, ao mesmo tempo, sensibilizar á poboación para a conservación destes animais, identificados como “en perigo de extinción” no catálogo galego de especies ameazadas, publicado no ano 2007.

En concreto, estanse a organizar dez charlas, unha por cada un dos concellos lucenses nos que se rexistra unha maior presenza destes animais, entre os meses de abril e maio. A próxima, e última, será o venres en Triacastela. Todas as actividades teñen lugar nos centros educativos e están dirixidas aos alumnos de primaria e ESO.

Nas xornadas, os escolares reciben información sobre o estatus legal da especie; a súa bioloxía, ciclo reprodutivo, alimentación, hibernación, hábitat e distribución; as sinais indicativas da súa presenza, como pegadas ou excrementos; e as dificultades da súa conservación.

Ademais, repártense trípticos informativos editados pola Xunta, tanto nos colexios como entre a poboación en xeral, para comunicar o contido das actuacións desenvolvidas polo Goberno autonómico. Deste xeito, facilítase a difusión entre a poboación das medidas de recuperación desta especie ameazada.

Pastores eléctricos

Nos últimos anos, grazas á paulatina recuperación de exemplares, téñense incrementado os danos producidos polo oso pardo sobre explotacións apícolas e sobre silos plásticos de herba. De aí que o Goberno galego considere necesario acometer un proxecto para previr e paliar esta situación, ao tempo que se fomenta a recuperación desta especie.

Un dos obxectivos principais deste plan é diminuír os danos causados polo oso pardo mediante a aplicación de medidas preventivas. Con cargo a este proxecto a Xunta adquiriu 43 pastores eléctricos con alimentación a través de panel solar que serán repartidos de xeito gratuíto entre os apicultores con explotacións susceptibles de sufrir danos pola súa localización ou aquelas nas que se teña constatado un dano e non se proporcionara anteriormente pastores por parte da administración, tendo que estar en todo caso estes asentamentos apícolas inscritos no rexistro oficial.

O proxecto tamén busca mellorar o coñecemento, tanto sobre as posibles medidas de prevención como sobre a especie. O terceiro e último obxectivo principal do plan é mellorar a percepción social da xestión desta especie, mediante a formación, divulgación e sensibilización pública.

O oso pardo en Galicia

O oso pardo conta en Galicia cun plan de recuperación desde o ano 1992, que ten como obxectivo incrementar o número de exemplares ata conseguir a formación dun núcleo reprodutor estable e favorecer a recolonización das novas áreas.

Historicamente, o oso pardo ocupaba gran parte do territorio galego pero, tras séculos de persecución e alteracións do seus medios, a mediados do século XIX o seu número de exemplares xa era reducido e circunscribíanse exclusivamente ao oriente de Lugo (Ancares e Courel), así como a algunhas zonas de Ourense.

A situación continuou agravándose, de xeito que na metade do século XX só existían exemplares vivindo de forma permanente na comarca dos Ancares. Nos últimos anos, a presenza desta especie nos montes da provincia de Lugo é cada vez máis frecuente e xa se ten constatada a súa presenza temporal en, polo menos, 13 concellos da provincia: Navia de Suarna, Samos, Pedrafita, Cervantes, As Nogais, A Fonsagrada, Baleira, Folgoso do Courel, Quiroga, Triacastela, Pobra de Brollón, Negueira de Muñiz e Pol.

2 de maio de 2016 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.