publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Arvi anuncia que os estaleiros de Vigo e Marín están inmersos na construción de seis buques por 20 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínPortada dereitaVigo
A-
A+
Europa Press

O presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca de Vigo (Arvi), Javier Touza, comunicou que estaleiros das rías de Vigo e Marín están inmersos na construción e entrega de seis buques pesqueiros “por encima dos 20 millóns de euros”, e confirmou que a estimación é que nos próximos tres ou catro anos poidan construírse “polo menos 15 ou 20 unidades”.

Así o trasladou na Feira Internacional da Industria Naval, Navalia 2016, en Vigo, onde especificou que entre estes seis barcos, que se enmarcan na tendencia á renovación de flotas, atópase o primeiro barco do mundo adaptado á nova prohibición de descartes: un barco palangreiro deseñado para Gran Sol, construído na Ría de Vigo e entregado este luns.

Igualmente, avanzou que está “moi próxima” a entrega en Nodosa dun palangreiro para Malvinas, e estase cortando bloque dun arrastreiro para cefalópodos no Atlántico suroccidental. A eles súmanse outro barco asinado para renovar a flota de NAFO e outros dous barcos palangreiros que incorporan por primeira vez nos seus deseños formas curvas na proa -proa investida-.

Touza, que descartou concretar os estaleiros que están a construír estes buques salvo o de Nodosa, si manifestou que se trata de barcos que contan coas “últimas tecnoloxías”, e destacou que non se está “vendendo fume ou meras expectativas” xa que se trata de “construcións entregadas ou a piques de entregarse”.

Así mesmo, en canto á previsión de construcións no futuro, aínda que chamou á prudencia, si recoñeceu que as estimacións do sector pasan porque nun período de entre tres e catro anos se poidan construír “polo menos 15 ou 20 unidades”.

Neste marco, sostivo que “este é un momento perfecto para participar e ser proactivos”, e transmitiu que é “imprescindible” que sectores tradicionais como a pesca poidan recuperar “o protagonismo que no seu momento se perderon”.

RENOVAR A FLOTA

O presidente dos armadores incidiu na necesidade de levar a cabo un proceso de renovación con “barcos novos, e o máis importante, barcos novidosos”, que conten coas últimas innovacións de eficiencia enerxética e un sistema dual con gas natural licuado (GNL), así como coa transferencia de coñecemento de maneira trasversal.

Touza sinalou que nos novos barcos hai que apostar pola tecnoloxía, o valor engadido, a competitividade e a eficiencia, a protección do medio ambiente, a formación, a prevención de riscos laborais e a investigación e o desenvolvemento, así como por mellorar a habitabilidade a bordo dos barcos para lograr atraer novos e que se manteña a substitución xeracional.

Trátase dunha renovación na que reclama que haxa “un selo importante galego”, xa que en Galicia hai “un gran talento en materia de innovación e desenvolvemento” ao que sacarlle rendemento e que á súa vez permitiría “atraer novamente o talento galego que por distintas circunstancias -se perdeu”.

Neste contexto, mencionou que “darlle un empuxón a este tema está en mans de todos”, incluídas as administracións, motivo polo que este mesmo xoves manterá unha reunión en Bruxelas e polo que están “a negociar” con outras administracións, das que dixo que teñen “fundadas expectativas dun apoio absoluto”.

“Se temos os caladoiros, os mercados, apoio financeiro e institucional, sería unha pena que puidésemos desperdiciar o momento, esta inercia e non levar a cabo unha obra colectiva tan importante para a xeración de riqueza e a reindustrialización que Vigo necesita”, concluíu, antes de reclamar que o novo tax lease se poida aplicar tamén a barcos pesqueiros.

APOIO DA XUNTA

Previamente a participar xunto a Touza nas xornadas en Vigo sobre a ‘Aposta pola renovación da flota pesqueira’, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo que “existen fórmulas para levar a cabo a renovación necesaria” na flota pesqueira, ante as que puxo a Xunta a disposición para que esas ideas “se consoliden e saian adiante máis e novas construcións”.

A conselleira, que remarcou que o sector ten o apoio e defensa da Xunta tamén ante a Unión Europea, destacou que no período anterior a Consellería destinou á modernización da flota máis de 10 millóns de euros para 1.800 proxectos en buques pesqueiros, a través de melloras da seguridade a bordo, condicións de traballo, hixiene, calidade dos produtos e rendemento enerxético, entre outras cuestións.

GAS NATURAL LICUADO

Pola súa banda, o director de Desenvolvemento de Reganosa, Rodrigo Díaz, puxo en relevo que o gas natural licuado está a erixirse como a “alternativa máis eficiente ecolóxica e economicamente, fronte aos actuais derivados do petróleo”, e subliñou que os armadores teñen co GNL “unha oportunidade moi importante”, con aforros que estimou en até un 40 por cento.

Segundo dixo, aínda que no sector pesqueiro hai varios proxectos que contarían con este combustible, “a día de hoxe non hai ningún buque de pesca en construción”. En relación a iso, comentou que os primeiros proxectos sempre teñen aspectos que elevan os custos, pero, “canto máis se vaia implantando, máis barato vai ser” construír barcos con gas natural licuado.

25 de maio de 2016 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.