publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ángeles Vázquez anima ás adegas a apostar pola internacionalización para facer fronte a un mercado cada vez máis competitivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArbo
A-
A+
Ángeles Vázquez na clausura das xornadas en Arbo

Ángeles Vázquez na clausura das xornadas en Arbo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, animou esta mañá ás adegas galegas a apostar pola exportación do seus produtos para manter ou incluso aumentar os seus resultados económicos. Foi na clausura das xornadas organizadas pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) en Arbo sobre “A internacionalización das adegas. Instrumentos para a venda do viño galego no mercado exterior”.

“As adegas galegas hoxe en día enfróntanse a novos retos como o de facer fronte a un mercado máis competitivo e globalizado”, declarou Ángeles Vázquez, e engadiu que estes retos poden converterse nunha oportunidade a través do comercio no exterior, pero “para iso é preciso crear as infraestruturas de venda máis axeitadas”, incidiu a conselleira.

A responsable de Medio Rural explicou que os negocios internacionais obrigan a desenvolver actividades diferentes ás feitas a escala nacional. “É por iso que se require ter en conta variables como a cultura, as relacións entre países, os tratados comerciais e as restricións que pode aplicar o país comprador”, declarou, e foron esas temáticas as que se abordaron na sesión da man de expertos no sector.

Neste sentido, a conselleira destacou que o vitivinícola é o sector agroindustrial galego máis exportador e para impulsar este proceso a Xunta achegou 5,4 millóns de euros entre 2012 e 2015 para apoiar a súa promoción.

“Estamos a falar dun sector que, na campaña 2014/2015, incrementou as súas exportacións un 104,6% respecto á campaña 2008/2009, o que significa que exporta o 17,5% da produción total”, declarou Ángeles Vázquez. Polo tanto, o incremento as exportacións aumentaron nese período un 34,4%”

Segundo datos de 2015, as cinco Denominacións de Orixe de viño galegas reúnen a 16.083 viticultores de 450 adegas. A superficie dedicada a este cultivo na comunidade chega ás 9.347 hectáreas, que producen un volume comercializado de 510.489 hectolitros cun valor estimado de preto de 203 millóns de euros. “Estes datos dan conta da importancia deste sector para a nosa comunidade”, declarou a conselleira do Medio Rural, que se comprometeu en seguir traballando en favor deste colectivo.

Un centenar de persoas asistiron a estas xornadas destinadas a tanto a profesionais (viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores…) como a persoal investigador interesado, estudantes e público en xeral.

Conferenciantes

Entre os participantes na sesión desta mañá estivo o director xeral da Fundación Observatorio Español do Mercado do Viño (OEMV), Rafael del Rey Salgado, que explicou a necesidade de internacionalización das adegas e da situación do viño no mercado exterior. Un representante do IGAPE expuxo as axudas para a internacionalización das adegas, e Alfonso Janeiro Díez, xefe do departamento de viño de ICEX España Exportación e Inversiones, abordou a cuestión dos mercados e dos viños galegos e os problemas que se atopan as adegas ao saír ao mercado exterior.

Pola súa banda, a consultora externa de empresas, Inmaculada Rodríguez Cuervo, tamén participou na xornada debullando o papel do consultor freelance na internacionalización das adegas.

Para rematar, varias empresas explicaron as súas experiencias na exportación de viños como foron as adegas de Guímaro (Ribeira Sacra), As Laxas (Rías Baixas) e Grupo Bodegas e Bebidas (Ourense), así como o presidente da Comissão de Viticultura da Região dos Vinhos Verdes (Portugal), Manuel A. Dias Pinheiro.

11 de maio de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.