publicidade hoxe

Alberto Valverde rexeita declarar: “Non teño nada que ver con este asunto”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+
Europa Press

O exalcalde de Nigrán (Pontevedra) Alberto Valverde (PP), investigado no marco da peza separada da ‘Operación Parrulos’ que afecta a este municipio, acolleuse este luns ao seu dereito a non declarar ante a titular do Xulgado de Instrución número sete de Vigo, a cargo da causa.

Á súa saída dos xulgados, onde só compareceu durante uns poucos minutos, explicou que non declarou por recomendación do seu avogado, xa que aínda “está pendente un procedemento”. Trátase dun recurso que presentaron avogados da defensa contra o auto da xuíza no que rexeitaba a petición de declarar a nulidade das escoitas telefónicas.

Ante os medios, Valverde mantivo que non ten nada que ocultar” e que non ten “nada que ver con este asunto”, e, a preguntas dos xornalistas, remarcou que durante a súa etapa como alcalde “non” tivo ningún indicio ou sospeita de que algún concelleiro puidese cometer algunha irregularidade relativa á contratación de obras. “Non, por suposto que non”, reafirmou.

Na mañá deste luns tamén estaba chamado a declarar como investigado o empresario Silvano G.O., que tamén se acolleu ao seu dereito a non declarar; e en calidade de testemuña o interventor municipal que ocupa o cargo dende o pasado ano 2008, quen compareceu durante máis dunha hora.

O interventor rexeitou falar cos xornalistas, non obstante, segundo fontes próximas ao caso, o funcionario respondeu a preguntas técnicas da Fiscalía sobre os expedientes de obras que atopan baixo investigación nesta operación.

As mesmas fontes sinalaron que este funcionario, que se encarga de fiscalizar obras, cobramentos, pagamentos e certificados de fin de obra, entre outras cuestións, asegurou que “puxo reparos a algún expediente, contratación, factura, proceso de adxudicación, proxecto,…”, se ben non transcendeu en relación a qué obras.

PEZA DE NIGRÁN

Na peza de Nigrán hai investigadas, ademais do exalcalde e do empresario, outras 14 persoas. No seu momento, o Ministerio Público pediu a imputación do exrexedor por presuntas irregularidades na adxudicación de obras en Porto do Molle, na Praza da Carrasca e nalgunhas obras en Praia América á empresa do exconcelleiro e construtor Vicente Costas Pumar.

Nesta peza separada, a defensa do exedil José Álvarez Valverde presentou un recurso de reforma e subsidiario de apelación ao auto ditado pola xuíza no que rexeitaba a petición de declarar a nulidade das escoitas telefónicas recollidas no marco desta investigación.

Así as cousas, o letrado solicitou a nulidade da intervención telefónica ao seu cliente -autorizada polo xulgado en 2013 a raíz dos indicios delituosos observados pola Policía en conversacións con Alonso Pais-, ao considerar que a picada ao teléfono móbil do construtor non fora acordada polo xulgado (porque non existe copia en papel do auto que autoriza as escoitas).

30 de maio de 2016 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.