publicidade hoxe

A Xunta traslada ao concello de Nigrán as vantaxes de adaptar o PXOM en trámite á nova Lei do solo de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+
Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Nigrán. Foto: X. Crespo

Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Nigrán. Foto: X. Crespo

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas recibiu ao alcalde de Nigrán, Juan Antonio González Pérez, co fin de tratar a adaptación do PXOM en trámite á nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia.

A alcalde, que asistiu acompañado do concelleiro de urbanismo, Diego García Moreira, trasladou que o equipo redactor xa ten analizadas as alegacións que foron presentadas durante a exposición pública (xullo-setembro 2013) e que na actualidade están a subsanar os resultados dos informes sectoriais, os cales xa foron recibidos na súa totalidade. Polo tanto, as previsións do concello pasan por proceder á aprobación provisional durante este ano e, a continuación, remitilo á Xunta para aprobación definitiva.

A secretaria xeral informoulles que os PXOMs que contan con aprobación inicial (14 de xuño de 2013) antes da entrada en vigor o pasado 19 de marzo da nova Lei do Solo poderán manter a tramitación acadada ata o momento segundo a LOUG, sendo preciso a adaptación das súas determinacións e contidos á nova normativa, destacando vantaxes como, por exemplo: a adaptación dos criterios obxectivos ás clasificacións do solo rústico, prevalecendo a normativa sectorial e os instrumentos de ordenación do territorio (DOT e POL); a desaparición da categoría de urbanizable non delimitado que daba lugar ás urbanizacións illadas; ou a eliminación da restrición dos 50 m de distancia máxima respecto as edificacións tradicionais existentes para delimitar os núcleos tradicionais.

A Xunta de Galicia destaca o apoio técnico e económico a este documento, para o que concedeu axudas por importe de preto de 205.000 euros.

Durante o encontro tamén se trataron outras cuestións, como a posibilidade que dá a nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia de ampliar nun 50% as vivendas anteriores a 1975 (máis de 40 anos). Rivas Díaz informou que esta aposta ten como fin a reutilización do construído para evitar novas construción, xa que na LOUG o incremento como máximo era ata o 10%. Neste senso resaltou que a ampliación do 50% do volume pode darse en todos os casos, mesmo en volume independente, respectando altura e tipoloxía existente e eximindo do deber de cumprir parcela mínima e retranqueo a lindeiros.

11 de maio de 2016 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.