publicidade hoxe

A Xunta pon en valor a cooperación entre as oficinas de emprego da Eurorrexión para incrementar as oportunidades laborais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTui
A-
A+
Alfonso Marnotes no  V Encontro de Centros de Emprego Fronteirizos Norte de Portugal-Galicia

Alfonso Marnotes no V Encontro de Centros de Emprego Fronteirizos Norte de Portugal-Galicia

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Tui no V Encontro de Centros de Emprego Fronteirizos Norte de Portugal-Galicia ao que asistiron preto de 60 directores e técnicos das oficinas de emprego de Baiona, Tui, Porriño, Ponteareas, A Cañiza, Vigo, Redondela, Pontevedra, Cangas, Vilagarcía, Cambados, Valença, Arcos de Valdevez, Viana do Castelo, Braga, Guimaraes, Ponte de Lima, Oporto, Maia, Gaia. Matosinhos e Barcelos.

Marnotes puxo en valor a cooperación e labor que se está a realizar entre as oficinas de emprego da Eurorrexión para aumentar as oportunidades laborais dos desempregados. Destacou, neste senso, que o Servizo Eures Transfronteirizo, no que participa a Xunta, está a contribuír ao desenvolvemento dun mercado de traballo “aberto e accesible” entre Galicia e o Norte de Portugal, intercambiado, entre outras actuacións, información sobre o mercado laboral de cada zona como é sobre prácticas profesionais e de aprendizaxe.

O director xeral explicou que o workshop celebrado hoxe sirve para fortalecer os contactos entre os directores e técnicos dos servizos de emprego situados a ambos lados da fronteira, ao tempo que permite coñecer a estrutura orgánica e procedementos de traballo “para crear unha verdadeira rede de emprego transfronteiriza”.

O obxectivo é, segundo subliñou Marnotes, mellorar a atención aos empresarios e demandantes de emprego. Ao respecto, o director xeral lembrou que a Xunta, a través da Axenda 20 para o Emprego, está a traballar para seguir a mellorar a eficiencia do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Para iso, esta planificación en materia laboral prevé a posta en marcha dun novo sistema de xestión de calidade e a creación dun novo portal, máis orientado aos servizos.

Así mesmo, Marnotes afirmou que o Goberno galego traballa nun novo modelo de Orientación Laboral Aberta para personalizar e reforzar os servizos que o SPEG ofrece a traballadores e empresarios. Así mesmo, contémplase a formación continua do persoal técnico vinculado a este servizo e a potenciación da atención a empresarios desde as oficinas de emprego e as de apoio á empresa.

En definitiva, do que se trata, segundo sinalou Marnotes, é “de seguir traballando para incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e avanzar nos obxectivos que compartimos entre Galicia e o Norte de Portugal”.

24 de maio de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.