publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta pon a disposición das empresas do sector primario 38.000 metros cadrados de solo na comarca da Mariña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez e Rosa Quintana na reunión coa Federación de Confrarías

Ethel Vázquez e Rosa Quintana na reunión coa Federación de Confrarías

A Xunta pon a disposición das empresas do sector primario arredor de 38.000 metros cadrados na comarca da Mariña a cambio de alugueiros simbólicos. Así llo trasladaron hoxe as conselleiras de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e de Mar, Rosa Quintana, aos representantes da Federación de Confrarías, dos armadores, empresarios e produtores pesqueiros, cos que se reuniron para abordar as medidas e incentivos da Xunta para facilitar o acceso ao solo industrial e favorecer a instalación de empresas na comunidade, especialmente neste sector. Na xuntanza tamén estivo presente a delegada territorial de Lugo, Raquel Arias.

Ethel Vázquez salienta que os empresarios do sector nesta comarca lucense poderán acceder a solo industrial con prezos simbólicos de alugueiro que van desde os 60 céntimos, nalgunha parcela do parque empresarial de Cervo, ata os 1,20 cent./m²/ano, no caso do parque empresarial de Viveiro.

Vázquez lembrou que no mes de febreiro, pensando na importancia estratéxica que ten o sector primario na comunidade, decidiuse flexibilizar estas condicións para as empresas vinculadas á agricultura, á gandería ou ao sector do mar. Deste xeito, para os emprendedores que queiran desenvolver un proxecto empresarial en Galicia ligado ao sector primario puxéronse á súa disposición máis de 252.000 m² de solo en dereito de superficie, en 27 parques empresariais da comunidade, pagando un canon anual de entre 32 céntimos e 1,31 céntimos metro cadrado.

A titular de Infraestruturas indicou que case a terceira parte do solo empresarial reservado para o sector primario en dereito de superficie se atopa na provincia de Lugo.

O obxectivo desta fórmula do dereito de superficie é facilitar a posta en marcha de novos proxectos ou a ampliación dos existentes, diminuíndo os riscos de investimento das empresas, que pagarán menos polo solo nos primeiros anos –o primeiro ano de carencia, se así o solicitan-, precisamente cando deben afrontar maiores gastos.

Neste encontro con asociacións e empresas vinculadas ao sector do mar a Xunta trasladoulle todas estas medidas para darlles maiores facilidades para que poidan desenvolver as súas ideas de negocio e seguir xerando riqueza e emprego na comunidade.

O Executivo autonómico está a centrar a política de solo empresarial en poñer á disposición dos emprendedores o espazo necesario para que poidan instalar ou expandir os seus proxectos industriais, ofrecéndollo nas condicións máis vantaxosas posibles. A isto responden as bonificacións no prezo do solo empresarial, dun 50% no caso da provincia de Lugo.

Estas medidas permitiron que na comarca da Mariña xa se vendesen 64.000 m² de solo a prezos bonificados, concretamente no parque empresarial de Cervo, vendéronse 4 parcelas e máis de 28.000 m², 24.400 deles a unha empresa do sector primario, Acuidoro, que é líder na produción de rodaballo.

2 de maio de 2016 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.