publicidade hoxe

A Xunta organiza unha xornada formativa sobre o control da vespa velutina en Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFoz
A-
A+

A Xunta de Galicia organiza hoxe en Foz unha xornada formativa sobre o control da vespa velutina especialmente dirixida ás agrupacións de Protección Civil, que nos seus respectivos concellos colaboran na detección e eliminación dos niños desta especie invasora.

A xornada, que se celebra no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima), está organizada pola Academia Galega de Seguridade Pública e asisten, entre outros, a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor.

O obxectivo desta acción formativa é mellorar os aspectos prácticos do plan de vixilancia e control da vespa velutina que desenvolve a Xunta de Galicia e no que colaboran activamente os concellos afectados.

Neste sentido, o programa repasa o protocolo de actuación previsto no citado plan, así como aspectos biolóxicos e técnicos de interese, ou a experiencia na materia dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais.

O plan de control da velutina ten como obxectivo prioritario eliminar ou desactivar os niños desta especie invasora que supoñan un risco evidente para as persoas. Ao respecto, cabe lembrar que o risco que supón a velutina non é superior ao doutras vespas, como a autóctona.

A Xunta traballa tamén para minimizar os efectos desta vespa en diferentes ámbitos, como o apícola ou o medioambiental, dado que ameaza á biodiversidade autóctona pola súa predación sobre outros insectos, especialmente as abellas.

En Galicia adoptáronse medidas para atallar o problema tan pronto se tivo coñecemento da aparición da vespa e continúanse implementando accións e promovendo a investigación para, co asesoramento de expertos entomólogos, conseguir novos métodos de control.

12 de maio de 2016 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.