publicidade hoxe

A Xunta leva investido 1,14 millóns de euros na parcelaria de Duxame-Insua-Portodemouros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVila de Cruces
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita ás obras da parcelaria

Ángeles Vázquez na visita ás obras da parcelaria

A Consellería do Medio Rural leva invertido máis de 1,14 millóns de euros na concentración parcelaria de Duxame-Insua-Portodemouros, no concello pontevedrés de Vila de Cruces. Así o anunciou esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez durante unha visita ás obras que se están acometendo nesta zona, as cales para este ano teñen un orzamento de 130.000 euros a executar en obras para a mellora da capacidade portante.

A conselleira, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela, realizou un pequeno percorrido polas obras que se están a levar a cabo nesta parcelaria, entre as que figuran o deseño de 25 camiños de nova apertura que complementan aos xa existentes e permiten así dar acceso á totalidade das fincas de reemplazo.

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia 2016, o cal ten un orzamento de 22 millóns de euros para este ano e co que se pretende rematar as 137 zonas activas en Galicia. Precisamente no concello de Vila de Cruces seguen vivas dúas parcelarias, a de Duxame-Insua-Portodemouros, que está en fase de acordo, e a de Brandariz-Obra-Sector Brandariz, cuxas bases definitivas xa están aprobadas.

Neste senso, Ángeles Vázquez destacou a importancia de continuar con estes procesos reorganizativos do territorio, xa que ademais de beneficiar ás explotacións agrogandeiras, posto que permite a súa redimensión, tamén se crea un sistema racional de comunicacións que resolve o problema de illamento e carencia de servizos que teñen algúns núcleos de poboación. A conselleira insistiu en que a reestruturación parcelaria é fundamental para o despegue socio-económico do rural galego en xeral e do agro en particular.

Reorganización do territorio

A concentración parcelaria de Duxame-Insua-Portodemouros afecta a unha superficie de 1.197 hectáreas, pasando das 10.809 parcelas a 1.275 fincas, propiedade de 566 veciños.

A outra parcelaria que aínda está aberta neste concello pontevedrés é a de Brandariz-Obra-Sector Brandariz, cunha superficie a tratar de 986 hectáreas e 8.348 parcelas propiedade de 575 veciños.

Por outra banda, xa están totalmente rematadas 9 concentracións, que afectan a unha superficie de 4.417 hectáreas, as cales melloraron as condicións estruturais das zonas de San Pedro de Losón, Sabrexo, Larazo, Gres, Camanzo, Brandariz-Obra-Sector Obra, Bodaño, Bascuas e Añobre.

2 de maio de 2016 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.