publicidade hoxe

A Xunta investirá 250.000 euros en obras de mellora en vivendas do poboado de Fontao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVila de Cruces
A-
A+

A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, investirá un total de 248.149,57 euros en obras de reparación e mellora das vivendas de promoción pública do poboado mineiro de Fontao, no concello pontevedrés de Vila de Cruces, tal como indica a Resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia pola que se anuncia a licitación das devanditas obras.

En concreto, as obras de mellora consistirán en traballos de conservación en fachadas e carpintarías e reparacións eléctricas das vivendas do poboado mineiro de Fontao, rehabilitado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. As obras afectarán a dous bloques de vivendas e á antiga vivenda do mestre de Fontao e beneficiarán a un total de 26 vivendas. As vivendas resultantes foron calificadas como de promoción pública e adxudicadas en réxime de compravenda ou alugueiro.

A licitación que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia ten un orzamento máximo de 248.149,57 euros e un prazo de execución das obras de catro meses. As proposicións presentaranse no Rexistro da sede dos servizos centrais do IGVS, antes das 14.00 horas do vixésimo sexto (26º) día natural a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Actualmente o IGVS dispón de 52 vivendas adxudicadas en réxime de alugueiro no poboado de Fontao, con prezos que oscilan entre 51 e 143 euros mensuais, xa que as vivendas van dos 54 aos 111 metros cadrados de superficie.

31 de maio de 2016 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.