publicidade hoxe

A Xunta inicia as obras de estabilización dun noiro na estrada LU-722 cun investimento de 140.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoNavia de Suarna
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda iniciará mañá as obras de estabilización dun noiro na estrada Becerreá- Ponte do río Rao (LU-722), no Concello de Navia de Suarna, o que precisará dun desvío de tráfico.

Estas actuacións, que se levarán a cabo no PK 22+900 da estrada LU-722, centraranse na recuperación da zona afectada por mor dun temporal acontecido no mes de marzo, que non tivo repercusións no tráfico porque nese tramo xa existe unha malla para evitar caídas de material á calzada.

As obras, que constan dun investimento de preto de 140.000 euros, consistirán no desmonte da rede de cables e da malla, retirada de material desprendido e colocación dunha nova malla. O prazo de execución é dun mes aproximadamente.

Desde a Xunta explícase que por motivos de seguridade mañá establecerase un corte total da estrada, no horario comprendido entre as 9 e 15 horas. O tráfico desviarase entre os PK 20+560 e 25+370, a través das estradas da Deputación de Lugo LU-P-3512 e LU-P-3505, ao seu paso por Silvouta. Unha vez se poida restablecer o tráfico no treito afectado, manterase o peche dun dos carrís, permitindo circulación alternativa regulada por sinalistas ou semáforos.

2 de maio de 2016 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.