publicidade hoxe

A Xunta destinará 750.000 euros á remodelación e humanización da avenida da Mariña en Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFoz
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, levará a cabo unha actuación de remodelación e humanización da Avenida da Mariña, no Concello de Foz.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, adiantou esta compromiso do Goberno galego ao alcalde, Jorge Javier Castiñeira, co que mantivo unha reunión esta mañá en Santiago. Mato Otero comprometeuse a colaborar na remodelación integral e reordenación do tráfico deste vial, unha das arterias principais do concello, para mellorar o aspecto que presenta na actualidade, así como as redes e sistemas de abastecemento e saneamento.

A responsable de Urbanismo do Goberno galego indicoulle ao rexedor que agora se preparará o convenio de colaboración, que é preciso asinar entre ambas administracións, que permitirá a licitación das obras. O orzamento previsto para esta actuación ascende a 750.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que esta actuación que se pretende levar a cabo en Foz inscríbese no Plan HURBE e que é posible grazas o orzamento de cinco novos millóns de euros que manexará o seu departamento, grazas a inxección que recibirá a Comunidade galega polo cumprimento do déficit.

Plan Hurbe

O Plan HURBE é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o HURBE favorece a sostibilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

25 de maio de 2016 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.