publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta convoca aos titulares dos terreos afectados polas obras de rectificación das curvas de fonte grande na estrada Fene-Mugardos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFeneMugardos
A-
A+

A Xunta convoca aos titulares dos terreos afectados polas obras de mellora do trazado da estrada Fene-Mugardos (AC-133), en Fonte Grande, para iniciar o levantamento de actas previas á ocupación, trámite de urxencia, para a expropiación. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta resolución, que se pode consultar a través do seguinte enlace: http://goo.gl/XHzHbm

Os propietarios dos terreos deberán acudir o próximo 27 de maio, en horario de 10 a 12 horas, a unha xuntanza no Concello de Mugardos, na que se procederá a recoller os datos necesarios para valorar os bens e dereitos afectados.

O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, financia este proxecto mediante a achega dun investimento de máis de 220.000 euros.

Estas actuacións teñen como obxecto a mellora da estrada autonómica AC-133, entre os puntos quilométricos 9+600 e 10+000, no concello de Mugardos. Neste treito da infraestrutura localízanse dúas curvas de raio reducido, que se eliminarán executando un trazado alternativo máis cómodo e seguro.

Ademais, prevese a optimización de dúas interseccións existentes, nas cales se habilitará unha semiglorieta que permitirá os xiros e o cambio de sentido en condicións máis seguras. A primeira é a situada no p.q. 9+600, cruzamento coa estrada DP-3504, na cal se disporá un central de espera, para o que será necesario ampliar a plataforma da estrada neste punto; e a segunda é o cruzamento coa vía municipal coñecido como rúa Peneda.

A Xunta, co avance nestas actuacións, cumpre o seu compromiso cos veciños desta zona, que viñan solicitando a mellora desta estrada. Coa realización deste proxecto preténdese, por unha parte, aumentar a comodidade da circulación ao ampliar o raio das curvas, e ademais incrementar a seguridade e facilitar os xiros en condicións máis seguras, reordenando as interseccións existentes no tramo.

3 de maio de 2016 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.