publicidade hoxe

A Xunta asina un protocolo cos concellos da Rede Galega de Acollemento para mellorar a atención ás mulleres que sofren violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCulleredoFerrolLocal PortadaLugoOurense
A-
A+
Susana López Abella na sinatura do acordo. Foto: X. Crespo

Susana López Abella na sinatura do acordo. Foto: X. Crespo

A Xunta de Galicia asinou hoxe un protocolo cos concellos onde se atopan os centros da Rede Galega de Acollemento co obxecto de establecer os procedementos de acceso das mulleres que sofren violencia de xénero e dos seus fillos e fillas, e outras persoas delas dependentes.

En concreto, segundo explicou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, os obxectivos do acordo asinado son mellorar a coordinación entre os centros que conforman a Rede Galega de Acollemento para as mulleres que sofren violencia de xénero, actuando o Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero (CRI) de Santiago, como centro coordinador dos mesmos.

Ademais, o protocolo establece o procedemento para o primeiro acceso das mulleres que sofren violencia de xénero á Rede Galega de Acollemento, os mecanismos de derivación das persoas usuarias da rede entre os centros, e promove a homoxeneización da documentación necesaria para o acceso á rede.

López Abella indicou que “coa firma deste protocolo, afondamos na colaboración interinstitucional no eido da protección das vítimas da violencia de xénero, entre os concellos titulares e xestores de recursos de acollida, e a Xunta de Galicia, titular tamén e xestora dun centro de emerxencia (acollemento) e dun centro de recuperación integral. Esta colaboración é xa ineludible para conseguir a eficiencia na xestión dos recursos públicos e a eficacia na busca de solucións”.

No acto tamén estivo presente o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, quen asegurou que esta colaboración interinstitucional “mellorará considerablemente os procedementos de acceso das mulleres que sofren violencia de xénero e os seus fillos e fillas, así como outras persoas delas dependentes, á Rede Galega de Acollemento, formada polos distintos centros de acollida existentes en Galicia e que son xestionados por distintas administración”. A Consellería de Política Social, a través do Consorcio, xestiona o Centro de Emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero de Vigo (CEMVI), en virtude dun convenio asinado co Concello de Vigo.

Xunto cos representantes autonómicos, asinaron o protocolo a concelleira de Igualdade e Diversidade da Coruña, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo, a concelleira de Igualdade de Ourense, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Culleredo.

Poden ser usuarias da Rede Galega de Acollemento, todas as mulleres que sofren violencia de xénero e as súas fillas e fillos menores que precisen dun aloxamento de seguridade en Galicia por mor desa situación de violencia, así como as persoas delas dependentes nas mesmas circunstancias.

A Rede Galega de Acollemento está composta pola Casa de acollida e pisos de transición á vida autónoma da Coruña, a Casa de acollida de Ferrol, a Vivenda tutelada de Culleredo, os Pisos de acollida de Lugo, a Casa de acollida de Ourense e o Centro de emerxencia de Vigo.

Ademais, son entidades derivantes cara á Rede Galega de Acollemento os Centros de Información á Muller acreditados pola Xunta de Galicia, os servizos sociais comunitarios e servizos sociais especializados de Galicia, os centros adscritos ao Servizo Galego de Saúde (hospitais, centros de saúde) os Xulgados radicados en Galicia, que acreditaron a situación de violencia de xénero, as Forzas e corpos de Seguridade do Estado radicados en Galicia, a Policía Autonómica e Policía Local de Galicia, así como outras entidades que teñan subscritos convenios de colaboración neste eido coa Xunta de Galicia ou coa entidade municipal titular do recurso de acollida.

Acceso ordinario e urxente

Entre outros aspectos, o protocolo establece dous tipos de acceso á Rede Galega de Acollemento, un ordinario e un acceso urxente.

O acceso ordinario terá lugar cando calquera das entidades derivantes, en exercicio da súas funcións, detecte a necesidade dunha muller en situación de violencia de xénero, e dos seus fillos e fillas, ou persoas dela dependentes, se é o caso, de ser aloxadas nun recurso destas características, e non se trate dunha situación de urxencia. O Centro Coordinador realizará cantas xestións sexan precisas para, nun prazo máximo de 48 horas, facilitar á entidade derivante os datos do recurso de acollida dispoñible para aloxar á muller e as súas fillas e fillos e/ou persoas que a acompañen.

O acceso urxente terá lugar cando a seguridade da muller se vexa gravemente ameazada e por razón da súa protección, a entidade derivante determine unha situación de urxencia/emerxencia. Centro Coordinador realizará cantas xestións sexan precisas para, nun prazo máximo de 8 horas, facilitar á entidade derivante os datos do recurso de acollida dispoñible para aloxar á muller e ás persoas que a acompañan.

25 de maio de 2016 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.