publicidade hoxe

A Xunta asesora aos comerciantes de Monforte sobre a normativa do sector para mellorar calidade e servizo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+
Raquel Arias na xornada con comerciantes de Monforte

Raquel Arias na xornada con comerciantes de Monforte

A delegada da Xunta en Lugo asistiu hoxe en Monforte a unha xornada informativa, organizada en colaboración co Centro Comercial Aberto, dentro da campaña “O teu comercio mellora cumprindo”, coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria asesora e informa aos comerciantes sobre os principais aspectos da normativa de aplicación, co obxectivo de continuar mellorando a calidade do sector comercial galego e o servizo que se presta aos consumidores.

Raquel Arias salientou que en todos os sectores, e especialmente no do comercio de proximidade, hai que ter presente a importancia de introducir medidas innovadoras, melloras na imaxe, novas fórmulas de xestión, ou as ventas on line para tentar lograr os mellores resultados económicos. Pero tampouco, segundo recalcou, hai que esquecerse de cumprir as normativas vixentes sobre, por exemplo, horarios, promocións ou información detallada sobre determinados produtos. “Facelo”, dixo, “redundará en beneficio do cliente, incrementando o grado de satisfacción, e tamén do comerciante, que evitará así cometer algún tipo de infracción”.

Neste senso, a delegada territorial resaltou a importancia de celebrar este tipo de encontros informativos, ao tempo que recordou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria renova todos os anos diversos programas de axudas para seguir reforzando o comercio de proximidade. Fin para o que no presente exercicio consignación máis 5,6 millóns de euros.

Durante a reunión unha técnico de Comercio informou aos integrantes do CCA monfortino sobre os horarios comerciais, as promocións de vendas (rebaixas, liquidacións e descontos); as follas de reclamacións e garantías e os prezos e medios de pagamento, a devolución de produtos e as feiras de oportunidades, eidos que centran tamén un folleto informativo destinado aos profesionais.

Para avanzar no cumprimento da normativa comercial, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a segunda edición do Plan Anual de Inspección Comercial, que incide na información aos comerciantes e na corrección dos incumprimentos. Durante o primeiro plan, desenvolvido en 2015 trala aprobación do decreto, se logrou un 96% de cumprimentos na segunda visita de comprobación. En total, no conxunto do Plan, que incluía tamén unha campaña de vixilancia e outra de verificación das subvencións, realizáronse ao redor de 1.000 inspeccións.

O desenvolvemento do plan anual de inspección permite facer fincapé no control daqueles aspectos da normativa comercial en que poida existir un maior grao de incumprimento, o que redunda nunha maior seguridade xurídica de todos os axentes do sector e das persoas consumidoras e usuarias.

4 de maio de 2016 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.