publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta achegará 4 millóns ata 2018 para fomentar o uso de equipos en común por cooperativas e sociedades agrarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadeo
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á cooperativa Os Irmandiños

Ángeles Vázquez na visita á cooperativa Os Irmandiños

A Consellería do Medio Rural achegará un total de 4 millóns de euros ata 2018 en axudas para fomentar o uso de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou esta mañá que a orde de convocatoria destas axudas sairá proximamente publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e destacou que os seus beneficiarios serán as cooperativas agrarias e as Sociedades Agrarias de Transformación (SAT).

Serán investimentos subvencionables con cargo a esta orde a construción do conxunto de instalacións necesarias para exercer os proxectos obxecto de axuda e as instalacións fixas e móbiles, incluídos equipos e programas informáticos asociados á xestión do proxecto a implantar. Tamén, a compra de terreos por un valor inferior ao 10% do custe subvencionable e gastos en honorarios profesionais na redacción do anteproxecto e proxecto que no seu caso se requira e vinculados ao obxecto da orde.

Pola contra, non se concederán axudas para os investimentos de simple substitución, nin se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos que sexan recuperables. Tampouco os gastos de conservación e mantemento ou os derivados de actividades de funcionamento da explotación, os investimentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos ou aqueles de carácter forestal.

Cooperativa Os Irmandiños

Ángeles Vázquez fixo este anuncio durante a súa visita ás instalacións da cooperativa de vacún de carne e leite “Os Irmandiños”, no concello lugués de Ribadeo, na que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

A titular de Medio Rural destacou a importancia das cooperativas no tecido agrario de Galicia e da suma de esforzos que representan para un mellor aproveitamento e xestión da riqueza do medio rural. A conselleira incidiu ademais na contribución do modelo cooperativo ao fomento da diversificación da produción agrogandeira, un aspecto clave –dixo– para garantir o futuro do rural galego.

A cooperativa “Os Irmandiños” agrupa actualmente a uns 800 socios e ten un volume de facturación anual aproximado de 26 millóns de euros. A actividade principal dos socios é a produción agrogandeira, principalmente de leite de vaca e a cría de gando de vacún de carne.

30 de maio de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.