publicidade hoxe

A Veiga acolle a proba deportiva e de habilidade “Grand Prix Race Edition”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA VeigaDeportesDeportes PortadaOurense
A-
A+
Presentación da Grand Prix Race Edition

Presentación da Grand Prix Race Edition

O municipio da Veiga acollerá a proba deportiva e de habilidade “Grand Prix Race Edition” 2016. Co-organizada pola Deputación de Ourense e Qualité Sports Events, disputarase os vindeiros 24 e 25 de xuño coa participación de equipos de diferentes localidades de España. A presentación tivo lugar esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o deputado provincial de Deporte e o alcalde da Veiga, Juan Anta, e o coordinador do Grand Prix, Serafín Martínez.

Manuel Baltar dixo que A Veiga “fai do turismo e do deporte eixes fundamentais de desenvolvemento”, remarcando a importancia de ser “un territorio recoñecido como destino Starlight que o converte nun dos mellores lugares do mundo para ver as estrelas”. “O apoio da Deputación de Ourense a esta nova iniciativa é un exemplo máis da aposta irrenunciable do goberno provincial pola práctica deportiva, que con esta proba vai máis aló do deporte, pois estamos a falar tamén de promoción do territorio e de actividade económica”, explicou Baltar.

Pola súa banda, o alcalde da Veiga agradeceu o apoio da Deputación de Ourense para a celebración desta proba deportiva “que permitirá que a xente que nos visite poida gozar do deporte e coñecer as únicas praias fluviais a 850 metros de altura sobre o nivel do mar”. Asemade, Juan Anta lembrou que o sector hostaleiro do concello está preparado para acoller este evento deportivo “xa que contamos con 140 prazas hoteleiras, con dous hoteis e cinco casas rurais”.

A proba consiste nun circuíto de seis quilómetros no que se intercalan diferentes obstáculos naturais e artificiais, ademais de probas de equilibrio, habilidade e axilidade mental que os participantes deberán resolver contra-reloxo e cos axuda dos demais compañeiros de competición.

“Para participar no “Grand Prix” é necesario formar un equipo mixto de entre 6 e 12 integrantes, que representará ao lugar de residencia da maioría deles, desde un barrio ou parroquia ata unha gran cidade”, explicou Serafín Martínez. A carreira disputarase mediante un sistema de quendas, tomando a saída 10 equipos cada 15 minutos. A efectos da clasificación xeral, o sexto clasificado de cada equipo será o que determine o tempo final do seu equipo.

As probas desenvolveranse en dous días, sendo a quenda para os máis mozos, o día 24 de xuño, na que poderán participar nenos e nenas de 8 a 12 anos na categoría Junior, e de 13 a 17 anos na modalidade Promesas. Os equipos poderán estar formados de entre 4 a 8 integrantes, que se enfrontarán a un circuíto máis curto e adaptado ás súas condicións. Dende as 16.00 ata as 20.00 horas, participarán 10 colexios ou localidades.

Ao día seguinte, o 25 de xuño, terá lugar a competición de adultos, realizando entre 20 e 25 probas, e resultando gañador o grupo que estea mellor compensado nas diferentes probas físicas e mentais que deberán superar.

11 de maio de 2016 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.