publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Pontevedra denuncia ameazas a membros do goberno provincial

Europa Press

A Deputación de Pontevedra denunciou ante a Subdelegación do Goberno e a Garda Civil as “graves ameazas” dirixidas contra deputados nacionalistas e algúns funcionarios, no marco do conflito aberto cos traballadores do Parque de Maquinaria.

Nunha rolda de prensa ofrecida este xoves polo vicepresidente da Deputación, César Mosquera, acompañado dos deputados nacionalistas Eva Villaverde, Xosé Leal e Uxío Benítez xunto aos deputados do Partido Socialista, Santos Héctor e López Font sinalaron que a situación alcanzou tinguiduras “absolutamente intolerables” nun estado democrático.

As pintadas e ameazas das últimas semanas deron paso a “prácticas mafiosas” como o envío dunha coroa mortuoria co nome de Uxío Benítez, deputado responsable de Mobilidade.

Na cinta que acompaña á coroa, situada nas inmediacións da casa consistorial de Tomiño -municipio do que é concelleiro Uxío Benítez-, pódese ler ‘Uxío non te deixaremos en paz’.

O propio deputado denunciou os feitos ante as autoridades e avanzou que tomará todas as medidas que estean ao seu alcance para “garantir a miña seguridade”.

Ademais, novas pintadas con contido ameazante apareceron en diferentes puntos dos concellos de Tomiño, Moraña, Barro, Bueu ou Vilagarcía de Arousa, todas centradas no BNG e nos deputados César Mosquera e Uxío Benítez, aos que acusan de “ditadores, mentireiros e caciques”, así como de querer “privatizar” o Parque de Maquinaria para “financiar” o seu partido.

Ante estes feitos, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, acusou ao Partido Popular de ser eles os que “montaron toda esta lea” polo que instou á formación conservadora para que “dea a orde de parar esta tolemia”.

Mosquera insistiu en que o “único responsable de rebentar os plenos e de todas as pintadas é o PP” polo que argumentou que este conflito non é laboral, “senón político”, xa que apuntou que o Parque de Maquinaria era o “brazo armado” do PP, dependendo directamente do expresidente Rafael Louzán e do seu xefe de gabinete, Martín Serantes, para “satisfacer aos seus intereses partidarios”.

“ATÉ A EXTENUACIÓN”

Sobre os cambios no Parque de Maquinaria o grupo de goberno provincial insistiu en que non se tomou ningunha medida” que prexudique aos traballadores que agora están integrados no servizo provincial de Infraestruturas, e volveu a negar que se pretenda privatizar o parque. “Aínda que quixésemos, que non é así, non o poderiamos facer”, aclarou o vicepresidente da Deputación.

César Mosquera asegurou que o goberno provincial seguirá negociando cos traballadores “até a extenuación” para resolver esta situación e lembrou que no último encontro cos traballadores chegouse a un “principio de acordo” polo que ambas as partes de ían dar un mes de prazo para analizar a efectividade dos cambios propostos polo goberno, “pero ao saír alguén deu a orde de montar toda a lea que puidesen”.

Por agora estes feitos non serán denunciados ante a xustiza, por motivos que Mosquera preferiu non aclarar xa que se cadra vén Rueda aquí a dicirlles o que teñen que facer e denunciamos ante un señor que vai correr todos os días con el e que é íntimo amigo, co cal xa prevemos o resultado”.

26 de maio de 2016 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.