publicidade hoxe

A consellería do Mar destaca a calidade das instalacións e servizos do peirao deportivo de Muxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuxía
A-
A+

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou esta mañá o peirao deportivo de Muxía. Durante a visita, organizada pola empresa concesionaria, o presidente de Portos destacou “a calidade das instalacións e servizos do peirao deportivo de Muxía”, unhas instalacións, sinalou, que este ano acadaron a súa primeira bandeira azul que outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, ADEAC e que forman parte da rede internacional de portos deportivos Passeport Escales.

José Juan Durán destacou que o porto de Muxía, xunto do de Camariñas, representan o pulo da náutica deportiva na Costa da Morte e explicou que “Portos de Galicia, impulsa o recoñecemento da calidade das instalacións portuarias autonómicas a través do asesoramento técnico e administrativo ás entidades candidatas á obtención da bandeira azul”.

Por outra banda, durante a visita, representantes da empresa concesionaria do porto de Muxía solicitaron ao presidente de Portos que o ente público analice a posibilidade de adaptar unha zona para varada de embarcacións, atendendo ao aumento de tráficos que está a rexistrar este porto. Tamén trataron outros asuntos relativos ao mantemento e conservación das instalacións portuarias. José Juan Durán sinalou que as propostas serán valoradas polos técnicos do organismo portuario.

A colaboración de Portos de Galicia coas instalacións náutico-deportivas abarca aspectos como a prestación de servizos de calidade aos usuarios, a mellora da ordenación e limpeza das instalacións portuarias e elaboración de programas de sensibilización ambiental. Estes son obxectivos que comprende o Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que Portos de Galicia está a desenvolver.

12 de maio de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.