publicidade hoxe

A Consellería de Ordenación do Territorio recibe o PXOM de Trazo para a súa aprobación definitiva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTrazo
A-
A+
Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Trazo

Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Trazo

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, recibiu de mans do alcalde de Trazo, José Dafonte Varela, o que suporá o primeiro Plan xeral de ordenación municipal deste concello coruñés, situado na comarca de Ordes, para a súa aprobación definitiva.

Cómpre lembrar que o documento que se está a ultimar foi contratado o 21 de xullo de 2008, e obtivo a aprobación provisional no pleno municipal do 18 de marzo, sendo achegado agora á Xunta para a súa aprobación definitiva.

Encarnación Rivas trasladoulle ao rexedor municipal que a Xunta dispón dun prazo dun mes para comprobar a integridade documental do expediente administrativo e do proxecto presentado. Tamén lle indicou que a Administración galega conta con tres meses para estudar o PXOM, período que empeza a contar unha vez que estea completo.

A aprobación deste PXOM porá fin ao planeamento aprobado definitivamente o 17 de xuño de 2000.

A Xunta de Galicia destaca o apoio técnico e económico a este proxecto de urbanismo para o que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio concedeu axudas por importe de 90.000 euros

10 de maio de 2016 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.