publicidade hoxe

A Consellería de Cultura licita as obras de restauración da igrexa de Palio por un importe de máis de 126.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a licitación das obras de restauración da igrexa de Santa Baia de Palio (Lalín), por un importe de 126.135,24 euros. O anuncio pode consultarse no seguinte enderezo web.

O obxectivo dos traballos é solucionar os problemas de entrada de auga e reparar os danos ocasionados pola mesma. Para iso construirase unha nova cuberta, consolidaranse e restauraranse os muros da igrexa, os pavimentos e os paramentos interiores, e reporanse as carpinterías. Así mesmo, sanearase o adro e, de ser necesario, realizarase unha drenaxe do mesmo. O proxecto inclúe, ademais, outras melloras, como a preinstalación dun sistema eléctrico, a dotación de elementos básicos de mobiliario e a valoración das pinturas murais para o estudo de posibles intervención de recuperación.

A igrexa de Palio é un templo de pequenas dimensións pero de considerable interese histórico, cuxa orixe se podería remontar aos séculos XI ou XII. As súas características formais e construtivas son as dos templo rurais románicos tendo, ademais, unha estrutura de cuberta de madeira moi elaborada. A maiores, conserva pinturas murais sobre recebo de cal.

30 de maio de 2016 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.