publicidade hoxe

A Consellería de Cultura licita as obras de reparación das humidades da igrexa de Santa Comba de Bande por 66.300 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBande
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de licitar as obras de reparación das humidades de Santa Comba de Bande, en Ourense, por un importe de 66.300 euros e cun prazo máximo de execución de tres meses. O obxectivo desta actuación é frear o deterioro do considerado o templo cristiá máis antigo de Galicia que, ademais, está declarado Ben de Interese Cultural.

A resolución pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe ( http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160512/AnuncioG0164-060516-0004_gl.html )

Os traballos consistirán na substitución da antiga drenaxe perimetral por unha nova, cun rexuntado das cimentacións con morteiro de cal, repaso das cubertas e execución de novos aleiros que eviten a entrada de auga pola cabeza dos muros e garantan a ventilación do espazo entre a cuberta e as bóvedas, e no repaso do rexuntado das fábricas de sillería das fachadas con morteiro tradicional de cal. Ademais, colocaranse novas fiestras con ventilación permanente e restauraranse as portas existentes.

A Consellería fixo en 2015 unhas catas no drenaxe existente comprobándose o deficiente estado do rexuntado das fábricas soterradas, o que podería estar a provocar filtracións de auga pola cimentación. Polo tanto, o obxectivo da intervención é resolver os problemas relacionados co exceso de humidade no edificio que é a principal causa do seu deterioro, especialmente un curso de auga de escorrenta dos predios contiguos, e cuxo paso polo adro se evacuará.

Arquitectura hispanovisigoda

A igrexa de San Trocado ou Santa Comba de Bande é probablemente o edificio visigótico mais completo da nosa comunidade e un dos mellores exemplos de arquitectura hispanovisigoda da Península Ibérica. A construción orixinal está datada a finais do século VII sufrindo diferentes transformacións ata o século IX para adaptarse ás diversas necesidades funcionais como puideron ser a de albergue ou mosteiro.

12 de maio de 2016 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.