publicidade hoxe

A concentración parcelaria de San Cristovo de Cerqueda beneficia a un millar de veciños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMalpica de Bergantiños
A-
A+
Ángeles Vázquez na entrega de títulos da concentración parcelaria. Foto: M. Fuentes

Ángeles Vázquez na entrega de títulos da concentración parcelaria. Foto: M. Fuentes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, fixo entrega esta mañá no Centro Cívico Cultural dos títulos da concentración parcelaria de San Cristovo de Cerqueda, no concello coruñés de Malpica de Bergantiños, dando así por finalizado este proceso. Esta reorganización territorial afecta a unha superficie de 793 hectáreas e beneficia a preto dun millar de veciños.

A conselleira, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o alcalde da localidade, Eduardo Parga, destacou a importancia destes procesos reorganizativos do territorio posto que redunda nunha mellora da calidade de vida dos veciños. Neste senso, destacou que das 4.585 parcelas iniciais se pasou a ter 1.849 novas fincas, aumentando a superficie media de cada parcela en preto do dobre.

Este incremento territorial beneficia directamente ás explotacións agrogandeiras, salientou Ángeles Vázquez, xa que permite ampliar a base territorial das mesmas e reducir así custos. Por iso, a reestruturación parcelaria é fundamental para que o agro galego siga estando vivo e sexa unha opción de futuro.

O investimento levado a cabo nesta concentración parcelaria foi superior aos 1,7 millóns de euros, correspondéndose a meirande parte á execución de camiños principais e secundarios e ao acondicionamento de fincas.

Os aproveitamentos principais da zona dedícanse á horta familiar e de carácter intensiva, explotacións gandeiras e forestal. Do total da superficie parcelada, a meirande parte é de labradío.

10 de maio de 2016 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.