publicidade hoxe

A Aixola impartirá 15 cursos de formación relacionados coa actividade pesqueira no segundo semestre deste ano e no primeiro de 2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá en Marín o centro de formación A Aixola para coñecer de primeira man a actividade e os obradoiros que se desenvolven neste centro, que no segundo semestre deste ano e no primeiro de 2017 vai impartir un mínimo de 15 cursos relacionados coa actividade pesqueira.

No transcurso da visita, a conselleira viu unha embarcación feita polos alumnos do centro para uso do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) e tamén comprobou os traballos de restauración doutra embarcación da Escola naval de Marín. Ademais, coñeceu a maqueta do prototipo de buque de pesca artesanal elaborado no proxecto europeo DORNA, finalizado o ano pasado.

Rosa Quintana tamén fixo fincapé na importancia da formación que se imparte no centro de Marín xa que é un centro especializado na formación práctica, cunha alta eficiencia na colocación e contribúe á formación permanente para conseguir emprego e novas capacidades profesionais. Así o amosa unha enquisa realizada a finais de 2015 que reflicte que de 89 alumnos que recibiron accións de capacitación, seis meses despois un 73% estaba traballando e deles, un 57% fano en actividades relacionadas coa formación que se lles impartiu.

Ademais, a titular de Mar destacou a aposta decidida que fai o seu departamento no eido formativo, que este ano destina máis de 2,5 millóns de euros a ensinanzas pesqueiras co fin de seguir mellorando a estrutura da formación como vía para avanzar no relevo xeracional e para dotar ao sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola de sustentabilidade e competitividade.

Neste sentido, cabe destacar que no ano 2015 a matrícula nos centros de ensino náutico-pesqueiro dependentes da Consellería do Mar medrou nun 46% desde o ano 2009. Así, o ano pasado preto de 4.400 alumnos e alumnas beneficiáronse das accións formativas regradas e non regradas impartidas nos centros dependentes da Administración pesqueira, en portos e noutras instalacións.

Ademais, a Xunta traballa coa intención de ampliar a oferta formativa, engadindo á formación regrada propia dos centros oficiais un incremento notable da oferta da formación non regrada –desenvolvida en portos e noutras instalacións-, tanto en número como en variedade de tipo de cursos.

A Aixola

O Centro de Formación A Aixola naceu no 1997 co principal cometido de mellorar cualificación profesional dos traballadores e traballadoras do sector marítimo-pesqueiro. A Aixola imparte cursos de balde e que non requiren matrícula nin ter estudos iniciais para o acceso. Os cursos que ofrece están relacionados co poliéster e os distintos tipos de fibras, coa construción e reparación naval empregando madeira, co mantemento e instalación de pequenos motores e a introdución de electricidade básica en barcos pequenos. Tamén forma aos profesionais do mar na elaboración e reparación de velas e embarcacións pneumáticas, no oficio das redeiras e en accións relacionadas co polietileno e polipropileno.

30 de maio de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.