publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

50 alumnos galegos participan nas xornadas de convivencia da iniciativa de Voluntariado de lectura-A

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

Un grupo de 50 alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria, que exercen de voluntarias e voluntarios de lectura e colaboran na biblioteca dos seus centros escolares ou en actividades de fomento da lectura, participan durante catro días no Centro Residencial Docente da Coruña nunhas xornadas de convivencia da iniciativa Voluntariado de lectura-A, que levan a cabo conxuntamente as Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Política Social.

Os alumnos proceden dos CEIPS P. Ricardo Tobío de Muros, Ramón Falcón de Castro de Rei, Leirado de Salvaterra de Miño e Sobreira de Valadares de Vigo; e participan do 24 ao 27 de maio dun intenso programa de actividades relacionadas con actividades colaborativas, xogos tradicionais, lectura expresiva, xogo dramatizado, danzas do mundo, narración oral ou música e danza tradicionais. O programa complétase cunha visita á Biblioteca Pública Ágora e ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, de A Coruña.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez visitaron hoxe aos participantes no programa, onde cada grupo de alumnos e alumnas voluntarios da lectura terá oportunidade para amosar aos seus compañeiros e compañeiras as actividades que ao longo do curso realizaron como axudantes da biblioteca escolar na xestión da mesma, pero tamén na organización de actividades de lectura destinadas a outros alumnos e alumnas do centro, as chamadas actividades de lectura compartida dentro ou fóra do centro.

O Voluntariado de lectura-A forma parte do programa Bibliotecas Escolares Solidarias, que ten como obxectivo estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado dos niveis non universitarios e as súas familias nos centros públicos galegos, e recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe.

24 de maio de 2016 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.