publicidade hoxe

Un orzamento de 60 millóns de euros para os vindeiros anos amosan a aposta da Xunta pola VAP da Costa Norte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCariñoLocal Portada
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión con representantes dos concellos

Ethel Vázquez na reunión con representantes dos concellos

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, reuniuse hoxe con 17 representantes de concellos de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña, aos que lle reiterou que o inicio das expropiacións dun novo treito da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte e un orzamento de 60 millóns de euros para os vindeiros anos amosan a aposta ‘en serio’ da Xunta por esta infraestrutura viaria.

Vázquez precisou que mostra desa vontade é que o Goberno galego ten consignado para 2016 un orzamento de 6,6 millóns de euros para seguir avanzando nesta VAP.

A conselleira lembrou que onte o Diario Oficial de Galicia publicaba a licitación do contrato de asistencia técnica para realizar o proceso expropiatorio no treito San Sadurniño-Sanguiñeira. Trátase dunha asistencia técnica que permitirá contar cunha relación completa e actualizada das parcelas a expropiar; preparar as actas previas á ocupación; e determinar as cantidades a aboar aos afectados.

Cómpre lembrar que nestes momentos está en plena execución o treito entre Celeiro e San Cibrao: os traballos desenvólvense a bo ritmo e as obras están executadas case ao 80%, o que permitirá que, antes de finais de ano, estea xa en servizo un novo treito da VAP da Costa Norte que incrementará a competitividade do porto de Viveiro e afastará o tráfico pesado do centro de Xove.

Mellora transporte

Por outra parte, nesta reunión tamén se analizaron conxuntamente as necesidades de mobilidade da comarca. Neste sentido, o Goberno galego está a traballar para mellorar os servizos de transporte interurbano e por adecualos ás necesidades dos veciños Ferrolterra, Ortegal e A Mariña.

A titular de Infraestruturas explicou que onte mesmo o Consello da Xunta autorizaba a prórroga do convenio do transporte metropolitano da área Ferrol para 2017, cun investimento de 1,1 millóns de euros, o 80% financiado pola Xunta.

Ethel Vázquez sinalou que a Xunta está a traballar para implantar este ano o Sistema de Axuda á Explotación (SAE), no marco do Plan de Modernización do Transporte Público de Galicia, coa fin de mellorar as prestacións de servizos do transporte interurbano.

Engadiu que dende o Executivo autonómico estase a velar polo estrito cumprimento dos servizos que prestan as empresas de transporte: realizando inspeccións periódicas e abrindo expedientes se se detectan deficiencias ou incumprimentos.

Concretou que para lograr unha mellor prestación dos servizos é moi importante a colaboración e a coordinación entre administracións, por iso nesta reunión solicitóuselle aos alcaldes que denuncien os incumprimentos na prestación dos servizos que detecten por parte das empresas. Ademais, a conselleira tamén lle pediu aos rexedores que trasladen as súas propostas concretas de mellora de liñas a curto prazo, para tratar de mellorar horarios e servizos alí onde consideren preciso.

Vázquez destacou que a folla de ruta a medio prazo, na Xunta de Galicia está clara, e pasa polo transporte a demanda. Trátase dun sistema que rexerá o transporte de viaxeiros interurbano a partir de 2019 e que programará os servizos pensando en satisfacer as necesidades reais dos usuarios.

No referente á mellora do servizo ferroviario, a conselleira indicou que xa se lle trasladou á ministra de Fomento e ao presidente de Renfe as demandas destes concellos en torno aos servizos ferroviarios. Precisou que a Xunta seguirá insistindo na mellora continuada e nunha maior calidade e efectividade dos servizos que presta o Estado na comunidade.

22 de abril de 2016 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.