publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Rexistrada a moción de censura en Pontecesures

Europa Press

Os tres concelleiros do PP, os dous de Independentes Pontecesures (I.P.) e un dos dous concelleiros de Terra Galega (TeGa) formalizaron este xoves unha moción de censura para desaloxar a alcaldesa, a nacionalista Cecilia Tarela Barreiro, e asumir as rendas do Concello. O pleno no que se debaterá terá lugar o próximo luns 9 de maio.

“A min non me colle por sorpresa para nada. Sabiamos que levaban meses fraguándoa”, declarou, a aínda alcaldesa -que goberna co PSOE-, e quen recoñeceu que o leva “peor do que pensaba a nivel persoal”, polos “insultos” que lamenta no texto da moción.

Con todo, asegurou que fará o traballo dende a oposición, lugar no que xa estivo noutros mandatos. “Sabemos traballo no goberno e na oposición”, aseverou, ao respecto do que indicou que un dos “proxectos que lle dá pena” é o Centro Sociocultural que estaba a impulsar e que é “moi importante” para este municipio.

Segundo o texto da moción de censura, os promotores ven o Concello cun goberno “en clara minoría, incapaz de xestionar e consensuar asuntos de importancia para o futuro” do municipio. “Un goberno incapaz de alcanzar consensos co resto dos grupos e un goberno non representativo e deslexitimado para gobernar”, resume.

REPARTICIÓN DE ÁREAS

Pola súa banda, o candidato á Alcaldía, Juan Manuel Vidal, confirmou a presentación desta moción, ás 11,00 horas (e despois dun defecto de forma que impediu que se rexistrase este mércores) deste xoves, e que leva aparellado un “preacordo” para unha repartición das tarefas entre os seis concelleiros que asumirán o goberno.

Desta forma, o concelleiro de TeGa Ángel Souto será, a metade do mandato, o primeiro tenente de alcalde e a outra metade será para os independentes. Ademais, este edil de TeGa asumirá, durante toda a lexislatura a Concellaría de Obras, Infraestruturas e Promoción Económica.

Pola súa banda, María Isabel Castro Barreiro (independentes) será a edil de Urbanismo e Servizos; mentres que o número dous do PP, José Ramón Cadilla, será o terceiro tenente de alcalde. Francisco García Sobrino (tamén de independentes), ocupará as áreas de Mobilidade e Seguridade Cidadá.

Ao respecto da repartición de áreas, indicou que se terá en conta as actividades que os concelleiros desempeñaban antes de chegar ao Concello, para facer valer a experiencia.

PRIMEIRA MOCIÓN DE CENSURA

É a primeira moción de censura na provincia dende que Alfonso Rueda accedeu á Presidencia do PP en Pontevedra, na que deu relevo a Rafael Louzán o pasado 13 de marzo.

Precisamente, o que era barón popular despediuse a finais de xaneiro do seu cargo no partido anunciando que habería mocións de censura, ao respecto do que argumentou que a súa formación política fora a “máis votada” en 50 municipios.

28 de abril de 2016 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.